A LIÑA DO GALEGO / A Mesa denuncia que a UNED suspendeu un alumno por facer un exame en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que un alumno da UNED foi castigado por respostar preguntas dun exame en galego. O profesor responsable aseguroulle que “o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán” e que, “en consecuencia”, “non ten obriga de corrixilo”. O alumno recibiu a mesma resposta á solicitude de revisión, tamén remitida en galego.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, considera “inconcebíbel” que “se permita que na Universidade se siga a suspender xente por escribir en galego”. “A UNED é unha universidade pública”, abonda Maceira, “e como tal debe dar exemplo, respectando a oficiliade do galego”. “Ningunha persoa que se examine en Galiza ten que ser obrigada ou coaccionada a facer un exame un castelán”, sentencia o presidenta da entidade en defensa da nosa lingua.

A Mesa remitiu ao rector da UNED, Ricardo Mairal Usón, unha queixa formal na que recorda que o artigo 5 do Real Decreto 1239/2011, de 8 de setembro, polo que se aproban os Estatutos da Universidade Nacional de Educación a Distancia establece que “A UNED, como Universidade Nacional, asume como misións fundamentais a inserción e coordinación entre os diferentes centros asociados de cada unha das Comunidades Autónomas así como o apoio ás linguas e culturas de España”. E engade no 5a) que “colaborará coas Administracións Autonómicas e demais Administracións Territoriais para a difusión da lingua, a cultura e o mellor servizo aos seus cidadáns en educación superior”, no 5b) que “potenciará a docencia e o coñecemento das linguas oficiais españolas, tanto en España como no exterior”, no 5c) que “incorporará progresivamente as linguas oficiais españolas ás páxinas web e demais publicacións da Universidade, especialmente en Comunidades con dúas linguas oficiais, cuxos Centros Asociados propiciarán a convivencia enriquecedora das dúas linguas en todas as súas actividades” e no 5d) que “propiciará de forma progresiva que os estudantes poidan ser titorizados na lingua oficial que desexen.” Ademáis no Regulamento de probas presenciais da UNED aprobado polo Consello de Goberno en o 28 de xuño do 2011 non prohibe, ningún caso, a realización das probas nas linguas cooficiais. A entidade de defensa da lingua agarda que o responsable tome, “á maior brevidade”, as medidas precisas para resolver esta situación e evitar que se repita no futuro.

A Mesa pola Normalización Lingüística conta cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego. Trátase de A Liña do Galego, dispoñible tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta, en iTunes e Google Play.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra