A Mesa denuncia que a Xunta actúa como se o galego non fose lingua oficial e reclama valentía para reactivar os acordos

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta mañá nun almorzo informativo que a Xunta sigue sen reaccionar ás exixencias da sociedade galega, que hai un mes se mobilizou masivamente en Compostela por “un cambio de rumbo” na xestión pública da nosa lingua.

O presidente da Mesa e voceiro da plataforma cidadá Queremos Galego, impulsora da mobilización, Marcos Maceira, recorda que “o 17N, a sociedade galega solicitou a reactivación dos acordos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), a través de medidas concretas con prazos e recursos asignados e un sistema de avaliación ben definido”. “No entanto”, lamenta, “até hoxe as únicas reaccións da Xunta e do PP aos datos da emerxencia lingüística extrema e á reacción social foron reaxir en contra do galego no Parlamento, rexeitando propostas de cumprimento do PXNLG e a oficialidade do galego na UE, propondo por lei deixar de usar o galego na CRTVG e eliminando o requisito de coñecemento de galego polo funcionariado interino a través da lei de acompañamento aos orzamentos”.

A Mesa denuncia, asimesmo, que a proposta de “pacto polo galego” que a Xunta trasladou aos partidos e aos medios está “moi por baixo do PXNLG aprobado por unanimidade hai 20 anos”, con medidas como reunións co propio goberno, campañas que non se sustentan en ningunha acción, accións redundantes, apropiación doutras campañas sen estabelecer programación estábel propia e sen avaliación ningunha. “Son medidas que se poderían facer para unha lingua non oficial”, lamenta Maceira.

O presidente da Mesa denuncia, asimesmo, que a Xunta fala de “pacto” pero amosa pouca vontade de diálogo a favor do galego. “A Xunta limítase a falar de liñas vermellas”, lamenta Maceira, “nun sentido ou noutro”. “Que diálogo é este? Onde está o pacto? Onde está a reactivación dos acordos xa alcanzados? Por que hoxe non vale o que valía hai 20 anos?”, pregúntase. Para o voceiro da principal entidade de defensa da lingua, “as únicas liñas vermellas que existen e que hai que eliminar son as que impiden o uso e disposición do galego en todos os ámbitos: administración, servizos comerciais, ensino, cultura, lecer ou audiovisual”. “Unha lingua oficial é a que a administración garante en todo e para todo”, remata. “Poderá comezar a reverter a situación do galego, cando a Xunta o asuma”.

Maceira pregúntase, tamén, como explica o presidente da Xunta que o galego sexa usado polo 48% da poboación, mais que a nosa lingua estea presente en menos de 1% na xustiza, no audiovisual ou nos xoguetes, ou limitada no ensino “Que medo ten o presidente Rueda a que se asegure a presenza e disposición de galego en todos os espazos e para todos os usos? Vaino garantir só con marketing ou vai empregar toda a capacidade da Xunta?”, insiste, “ten medo a que as persoas que usan o galego sempre poidan seguir facéndoo e as que non, se animen a facelo?”. “El, que tanto fala de liberdade”, conclúe, “ten medo a que a maioría de galegos e galegas poida vivir en galego?”.

Ao presidente da Mesa parécenlle especialmente preocupantes as declaracións do conselleiro con respecto á presenza da lingua galega no ensino, “teimando en incumprir tanto o PXNLG como a Carta Europea das Linguas rexionais e minorizadas e todas as indicacións tanto do seu Comité de expertos como do Comité de Ministros do Consello de Europa”. Este último órgano instou en 2019 a remover as limitacións ao ensino en galego en Galiza e en novembro de 2024 a garantir o ensino en galego en todos os niveis adecuados. “Existe unha proposta de bases para a normalización no ensino feita pola Mesa cos principais sindicatos, Anpas e movementos de renovación pedagóxica, que se negaron a ouvir”, lamenta Maceira, que reitera a disposición da Mesa a trasladar ao goberno galego toda a información e todas as propostas necesarias para mellorar a situación da nosa lingua, “se houber disposición sincera para a reactivación dos acordos”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra