A Mesa denuncia que as axudas que as subvencións para a adquisición de novidades editoriais e para a mellora das coleccións das bibliotecas das entidades locais convocadas este 2022 pola Xunta de Galicia prexudican gravemente a lingua galega, en favor da española.
A entidade de defensa da lingua indica que até o 2021 polo menos un 25% dos libros comprados con cargo a estas axudas debían ser en galego, mentres que este ano se establece que “como mínimo, un 50 % do importe da subvención concedida debe destinarse á adquisición de fondo bibliográfico editado en castelán”. “O 50 % restante pode destinarse á adquisición de fondo bibliográfico tanto en galego como en castelán”, se ben “desta parte pode adicarse ata un 10 % a adquirir fondos editados en linguas estranxeiras ou noutras linguas oficiais do Estado. Non existe, polo tanto, un mínimo obrigatorio en galego. Ao contrario, obrígase as entidades locais galegas a adquirir como mínimo un 50% en castelán e se queren comprar o 100% poden facelo.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que a propia convocatoria da axuda recolle expresamente que lle corresponde ao Goberno da Xunta a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, así como a promoción do libro galego, “con medidas que potencien a produción editorial e a súa disposición”. No mesmo texto no que máis adiante se produce un evidente prexuízo á lingua galega, recoñécese que “a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no seu artigo 16.3, establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, escolares e de centros universitarios, os produtos editoriais galegos segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura públicos”.
Porén, a Xunta de Galicia establece un Programa A “de novidades editoriais en galego” dotado con 200.000 euros e un Programa B “para a mellora das coleccións bibliográficas”, dotado con 550.000, no que prexudica gravemente a nosa lingua a favor do castelán. Así, establécese que “como mínimo, un 50 % do importe da subvención concedida destinarase á adquisición de fondo bibliográfico editado en castelán. O 50 % restante pode destinarse a adquisición de fondo bibliográfico tanto en galego como en castelán. Non obstante, dentro deste último, ata un 10 % poderá dedicarse a adquirir fondos editados en linguas estranxeiras ou en linguas oficiais ou con recoñecemento expreso no estatuto de autonomía doutras comunidades autónomas”. Ata o de agora, este Programa B recollía que “un 25 %, como mínimo, da subvención concedida destinarase á adquisición de fondo bibliográfico editado en lingua galega” e ningunha porcentaxe mínima para a lingua española.
A Xunta de Galicia xustifica este ataque ao galego no feito de que esta axuda conta con fondos NextGenerationEU, indicando que as porcentaxes mínimas ou máximas que corresponden ás distintas linguas se estableceron nunha Conferencia Sectorial de Cultura celebrada o 23 de xullo de 2021. “Isto resulta aínda máis preocupante”, asegura Marcos Maceira, “porque parece que non vai ser o único campo que no a nosa lingua se vexa gravemente prexudicada perante a española no reparto dos fondos europeos, xa que a Xunta de Galicia se recoñece incapaz de defender os intereses da súa cidadanía dentro e fóra do noso territorio”.
En anos anteriores, en efecto, o Programa A ofrecía 100.000 euros para compra de libros en galego e o Programa B ata 200.000 para mellora das coleccións bibliográficas (dos que polo menos o 25% tiñan que ser tamén en galego). Este ano, as cifras aumentan ata os 200.000 no caso do Programa A e 550.000 no caso do Programa B, pero “polo visto”, remata Maceira, “a peaxe que ten que pagar a sociedade galega pola chegada dos fondos europeos é a cesión ao castelán dos escasos espazos de protección que tiña”.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.