Carlos Callón: “Cada vez que nos anuncien un recorte, lembremos que a Xunta de Feijóo dilapidou, indecentemente, máis de 4 millóns de euros só en reducir aínda máis a presenza do galego no ensino.”
A Mesa pola Normalización Lingüística fixo unha valoración pública do que significou o mandato de Núñez Feijóo para o idioma galego. Unha lexislatura que o presidente da asociación resumiu nunha frase: “Hoxe é moito máis difícil vivir en galego que hai tres anos e medio”.
Carlos Callón considera que neste período Feijóo “tombou o pouco que se tiña feito nos 30 anteriores” a prol do noso idioma, polo que outorga ao presidente da Xunta e ao seu goberno o título de “peor executivo para a nosa lingua da historia da autonomía”.
Callón lembrou que, mesmo nunha época de crise en que Núñez Feijóo presume de ‘austeridade’, o goberno autonómico “mobilizou nos seus primeiros dous anos de lexislatura recursos por máis de catro millóns de euros para atacar o galego”. Como exemplos, o presidente da maior asociación cultural de Galiza puxo, entre outros, a orde de desbotar 190.000 libros de texto por estaren en galego, “o que custou ás arcas públicas e ás familias uns 3.800.000 euros, nas estimacións máis baixas”.
Nestes tres anos e medio non houbo “nin un só paso adiante para o galego”, lembrou Carlos Callón, engadindo que esta constatación xa a realizou no seu día a propia Real Academia Galega. “Non pode ser que o inimigo número un do galego sexa quen tiña que ser o seu principal valedor”, sintetizou.
Callón, como presidente da Mesa, fixo un chamamento a toda a cidadanía galega, “fale o idioma que fale”, para mobilizarse o 21 de outubro, “tres anos e tres días da primeira gran manifestación de Queremos Galego”, co obxectivo de frear o PP e poñer fin a este período de ataques ao idioma propio da Galiza. “O galego une, Feijóo separa”, concluíu.
O portavoz da entidade tamén lamentou a “escasa corrección institucional da Xunta do PP”. “Alberto Núñez Feijóo negouse mesmo a escoitar directamente as opinións da Mesa ou de Queremos Galego, igual que Alfonso Rueda, a quen parece que agora lle sobra o tempo”, ironizou Callón, en alusión a que é conselleiro ao mesmo tempo que director da campaña do PP, mais rexeita reunirse coa Mesa porque nunca ten espazo na axenda.