A entidade de defensa da lingua recorda nun informe solicitado polas autoridades europeas que o Estado sigue incumprindo os seus compromisos con respecto ás linguas minorizadas e desminte varios aspectos do documento no que o ministerio de política territorial avala a política lingüísitica no ensino da Xunta
O Consello de Europa solicitou á Mesa pola Normalización Lingüística que valorase a resposta ofrecida polo goberno español ás recomendacións de obrigado cumprimento emitidas en decembro de 2019 polo Comité de Ministros europeo. No seu informe, a entidade de defensa da lingua denuncia que o goberno socialista non só evita dar resposta ás reclamacións de Europa, indicando que accións realizará para dar cumprimento aos compromisos adquiridos ao asinar a Carta Europea da Linguas, senón que vai un paso máis alá e avala a política lingüísitica no ensino da Xunta, contraria ao galego e á propia Carta, como indicaron o comité de expertos que a avalía e o propio Comité de Ministros nas tres últimas avaliacións.
“Respecto á xustiza”, explica Maceira, “chama a atención que sinalen como melloras accións que aínda non se tomaron respecto á intelixencia artificial, sen sequera indicar que o programa informático de xestión Minerva aínda non conta con opción en galego, cando o que requiría o Consello de Europa era a modificación da Lei Orgánica do Poder xudicial para garantir a posibilidade de que todos os procedementos sexan en galego a petición dunhas das partes”. “E no relativo á administración xeral do Estado”, abunda, “é escandaloso que se pretenda pasar como verdade un suposto complemento salarial polo coñecemento de linguas cooficiais que nin existe nin se paga, cando nin sequera nas últimas convocatorias da administración do Estado se exixe o coñecemento de galego para a prazas ofertadas en Galiza”.
“Xunta e goberno español”, remata o presidente da Mesa, “deben aproveitar as reclamacións do Consello de Europara para dar pasos significativos na garantía de emprego e presenza do galego en todos os ámbitos”. Neste sentido van as propostas para a normalización no ensino presentada á Xunta pola Mesa xunto coas organizacións da comunidade educativa e a Proposición Non de Lei impulsada pola Mesa e outras entidades a favor das linguas do Estado. “A mentira e a manipulación non poden tapar os incumprimentos do Estado e da Xunta”, reclama Maceira.