A asociación exixiulle ao alcalde, Gonzalo Durán, que respecte a oficialidade do galego como lingua propia da administración local
Marcos Maceira: “Ou Gonzalo Durán pensa que o galego desapareceu de Vilanova de Arousa ou pensa en facelo desaparecer”
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2014.- A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta mañá que o Concello de Vilanova de Arousa non respecta a oficialidade do galego e exclúe a nosa lingua da páxina web institucional.
O Concello de Vilanova de Arousa incumpre a lexislación sobre o uso do galego como lingua propia das administracións locais vulnerando os dereitos lingüísticos da veciñanza. Segundo as queixas recibidas pola Mesa a través da Liña do Galego, a páxina web institucional do Concello (http://www.vilanovadearousa.com) exclúe completamente o uso do galego na maior parte das súas seccións e contidos, ofrecendo a maior parte da información que contén unicamente en castelán.
Marcos Maceira destacou que este tipo de exclusións non son casuais nin se deben a descoidos, senón que responden a unha política lingüística activa en contra do galego: “Ou Gonzalo Durán pensa que o galego desapareceu de Vilanova de Arousa ou pensa en facelo desaparecer”, sinalou o presidente da Mesa.
A asociación en defensa da lingua dirixiuse tanto ao alcalde do concello, Gonzalo Durán, como ao Valedor do Pobo para lles solicitar que o Concello de Vilanova de Arousa corrixa esta situación e cumpra a lexislación que protexe os dereitos lingüísticos da cidadanía galega. Neste sentido, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, solicitou a ambos responsábeis que pesquisen sobre o grao de incumprimento do artigo 7 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, e o resto de ordenamento legal vixente en materia de normalización lingüística, por parte do Concello de Vilanova de Arousa na súa relación coa veciñanza.
A exclusión do galego por parte do Concello vulnera claramente a lexislación sobre a oficialidade da nosa lingua e o uso do galego como lingua propia das administracións locais: O Estatuto de Autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns. Máis concretamente, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa dicindo que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactáranse en lingua galega”.