A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a empresa Taprega Prevención de Riesgos Laborales pretende cobrar por emitir documentos en galego -que serían elaborados cun tradutor automático- ao custe de 9 céntimos por palabra, tal e como lle indicou a un clinete que solicitou a documentación de prevención de riscos en galego. Após a queixa recibida na Liña do Galego, A Mesa exixiulle formalmente a Taprega que ofreza á clientela galega a documentación na nosa lingua, “sen custe adicional”, e solicitoulle ao seu responsable que tome as medidas precisas para rematar con este tipo de situacións e evitar que se repitan no futuro, arbitrando as medidas precisas.
Pablo Cobas, subdirector xeral de Taprega, respostou ao requerimento da Mesa insistindo en que “Taprega cumpre coas súas obrigas legais entregando toda a documentación requirida en castelán”. “A tradución integral de documentación técnica supón un servizo adicional que, na actualidade, non é obrigatorio por lei nin está incluído nas condicións estándar dos contratos”, afirma.
Elsa Quintas, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, salienta que as empresas privadas que prestan os seus servizos en Galiza están obrigadas a respectar os dereitos lingüísticos da cidadanía galega, diante da negativa de Taprega Prevención de Riesgos Laborales a ofrecer documentación legalmente válida na nosa lingua. Quintas sinala que o Estatuto de Autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego” e que o artigo 1 da Lei 1/1983 de 15 de xuño de normalización lingüística engade, no seu artigo 1, que “tódolos galegos teñen o dereito de usalo”.
Neste sentido, Quintas recorda que “os consumidores teñen dereito a usar calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galiza, sempre e cando a contratación se realizase ou o consentimento se manifestase no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, así como nos supostos de publicidade, ofertas, promocións ou comunicacións comerciais recibidas en Galiza”. E advirte que o custe adicional que se pretende cobrar polas traducións é unha condición “abusiva”, ao abeiro do disposto na Lei 7/1998 de 13 de abril sobre condicións xerais de contratación. “Tratar de recobrar os honorarios dun tradutor-xurado ou o uso dun tradutor automático constitúe unha conduta discriminatoria e delictiva”, advirte Quintas.
O traballo que desenvolve a Liña do Galego de tratamento, asesoramento, difusión e atención das queixas ten conseguido que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas. As persoas que o desexen poden porse en contacto coa Liña a través do número 981 563 885, do correo-e linhadogalego@amesa.gal ou da app A Liña do Galego.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

