A Mesa deplora o desprezo e autodio que manifesta a CEG pedindo a supresión do galego nos cursos de formación

A Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) reclamou que se suprima o galego como criterio de baremación á hora de obter subvencións públicas para cursos dirixidos a formar persoas no paro.‘’É un absoluto desprezo polo galego e, xa que logo, por Galiza’’, sinalou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.

Segundo sinalaron desde a entidade en defensa da lingua, “esta mostra de autoodio que manifestaron desde a patroal, é indicativo do desprezo que teñen tamén pola súa propia actividade empresarial se é que a fan en Galiza”, e  animou á CEG a mudar de actitude “porque o desprezo por un mesmo non é boa carta de presentación en ningún sitio, nin en Galiza nin no mundo”.

O presidente da Mesa indicou que “se desde a Confederación de Empresarios detectan eivas na formación, poden comezar por sumarse a todos os colectivos que exixen a readmisión inmediata do profesorado CELGA despedido ilegalmente, porque este profesorado é imprescindíbel para a formación lingüística de adultos”.

Por fortuna, sinalou Maceira, “non todo o empresariado despreza o seu País e a súa lingua. Hai empresariado en Galiza que ve no galego unha marca de calidade e de respecto por si mesmo e pola súa clientela”, e puxo como expemplo ás 90 empresas que participan do proxecto Abertos ao Galego, da Mesa pola Normalización Lingüística. “E fano por convecemento no que fan, porque confían na potencialidade da lingua, e sen ningún tipo de interese”, engadíu, para sinalar a continuación que, malia o rexeitar o galego, a CEG non tivo problemas para recibir até 2012 axudas destinadas á normalización lingüística.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra