A Mesa e a Deputación da Coruña impulsan unha xornada de debate sobre a litigación estratéxica como vía de avance para os dereitos lingüísticos

A área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística impulsan o próximo 23 de novembro na biblioteca provincial da Coruña unha intensa xornada de debate arredor das posibilidades de litigación extratéxica como vía de avance para os dereitos lingüísticos á que convidan a participar a toda a cidadanía.

A deputada de Lingua, Soledad Agra, abrirá a xornada ás 10 da mañá. Seguirá unha disertación do avogado Xoán Antón Pérez Lema sobre os desafíos e oportunidades da litigación estratéxica pola lingua, unha relatoría do avogado Benet Salellas i Vilar sobre as finalidades e os obxectivos lexítimos previstos polo TEDH e a xurisprudencia do TXUE para as linguas minorizadas e pechará a mañá o profesor de dereito na Universidade do País Vasco Iñigo Urrutia falando sobre a ofensiva xudicial contra o Euskera.

Pola tarde, o profesor de dereito da UDC Carlos Amoedo Souto disertará sobre o galego e a contratación pública, antes da conversa entre os avogados Elsa Quintas, Miguel Vieito e Cristina Fernández sobre litixios pola lingua. Quintas, vicepresidenta da Mesa, intervirá tamén no panel sobre Ferramentas sociais para a defensa dos dereitos lingüísticos, xunto con Rut Carandell (Plataforma per la llengua) e Agurne Gaubeka (Hizkuntz Eskubideen Behatokia). Finalmente, exporanse as liñas de actuación do Observatorio de dereitos lingüísticos e as conclusións da xornada e clausurarase o día cunha homenaxe ao xurista e avogado Nemesio Barxa.

Elsa Quintas recorda que “é fundamental defendermos activamente a presenza do galego en todos os ámbitos” e salienta que unha das vías para o facer é “demandarmos pola vía xudicial os dereitos que nos negan a cotío institucións públicas e empresas malia figuraren no ordenamento xurídico”. “A negación diaria dos nosos dereitos”, abunda Quintas, “obríganos a acudirmos aos tribunais para que se cumpran normas como a Lei de Contrato do Seguro ou a Lei do Procedemento Administrativo, entre outras, mais tamén para recorrer aquelas sancións impostas en aplicación da Lei Orgánica de Seguridade Cidadá por reivindicar o exercicio destes dereitos”.

“Neste sentido”, remata, “cómpre dotármonos de novas ferramentas, explorarmos estratexias procesuais e contrastarmos as experiencias con compañeiros e compañeiras doutras nacións nas que, como na nosa, lles é negado o dereito a viviren na súa lingua”. “O respeito ao exercicio dos dereitos lingüísticos ha de ser sinónimo de democracia e de estado de dereito”, insiste, “partindo da premisa de que os dereitos lingüísticos fan parte dos dereitos humanos e que, ao seren negados e impedida a súa materialización, ponse en perigo o sistema de valores sobre os que se sustenta un estado de dereito”.

Descarga aquí o programa

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra