A Mesa pola Normalización Lingüística advirte que a sociedade galega está alerta perante a posibilidade de que xurdan novas tentativas de anular a oficialidade do galego como o de Ferrol. Neste sentido, a entidade en defensa da lingua recorda que foi a contundente resposta das entidades sociais ferrolás a que fixo recuar unha nova tentativa de anular a oficialidade do galego no concello, coa publicación dunha instrución que obrigaba a redactar os expedientes de contratación municipais en español.
Onte mesmo, unha ampla representación dos colectivos da cidade celebrou un acto público co que quixeron visibilizar o fronte común das entidades sociais en defensa da nosa lingua e que contou coa participación, ademais da propia Mesa, da federación de Anpas, da asociación Muiño do Vento, da asociación veciñal de Canido, de Ferrolterra antiga, Medulio e a CIG e mais do PSOE, Ferrol en Común e o BNG, entre outras.
Marcos Maceira, presidente da Mesa, recorda que foi a ampla e contundente resposta do tecido social de Ferrol a que provocou a retirada da instrución municipal e lamenta que, pese ao primeiro anuncio mediático, o goberno local tardara máis dunha semana en rectificar formalmente, polo que cómpre seguir alerta perante a posibilidade de que persistan os ataques á oficialidade da nosa lingua, tanto neste concello como noutros. “É hora de cumprir os plans de normalización e as ordenanzas de lingua nos municipios galegos”, engade.
Dende a entidade en defensa da lingua salientan que a cohesión amosada en Ferrol demostra que “hai un corpo social que apoia ao galego e que está disposto a actuar para repor, rehabilitar e normalizar a lingua galega” e tamén evidencia que “o que fai falta é o apoio por parte das institucións, dos poderes públicos que teñen a obriga a seren activas na defensa do galego”.
A represententante da Mesa en Ferrol, Delia Vázquez, afirma que a instrución municipal prodiciu “sorpresa” e “decepción” no tecido social local, porque “na última reunión do consello da lingua percibiramos unha sintonía neste organismo (do que forma parte o Concello) por ensanchar o uso do galego a actividades onde non viña sendo regular ou normativo”, o que chocaba coa instrución.
No acto de visibilización da cohesión social en defensa da lingua que tivo lugar onte pola mañá en Ferrol, tamén se salientou o “fondo sentido político” da instrución municial, que “negaba a unha parte da poboación a posibilidade de facer toda a súa vida en galego”. Rafael Aguirrebengoa, da asociación Muiño do Vento, afirmou que a instrución municipal “creaba un problema” que non existe na cidade e lamenta que o goberno local tardar unha semana en facer “un trámite que era sinxelísimo”.