A Mesa pola Normalización Lingüística e entidades polas linguas como Ciemen, Kontseilua, Escola Valenciana e Iniciativa polo Asturianu reclamaron esta mañá no Congreso dos deputados “un debate profundo para o Estado mudar todo canto for preciso para garantir iguais dereitos e deberes en relación para a oficialidade plena e real de todas as linguas nos seus países”.
As entidades polas linguas manifestáronse hoxe perante o debate para a toma en consideración polo Congreso do Proxecto de Lei Orgánica de garantía do plurilingüismo e dos dereitos lingüísticos da cidadanía que terá lugar esta tarde para lembrar os reiterados incumprimentos de tratados internacionais como a Carta europea das linguas que indican periodicamente tanto o comité de expertos do Consello de Europa como o Comité de Ministros. Por este motivo sinalan “que é preciso mudar un marco xurídico contrario á Carta Europea das Linguas e impulsar mudanzas estruturais para o verdadeiro recoñecemento da pluralidade lingüística, con iguais dereitos e deberes”.
Esta era a situación que as entidades polas linguas puñan de manifesto ao presentaren en 2021 a Proposición non de lei pola igualdade das linguas aprobada parcialmente polo Congreso onde se reclamaba respecto real para todas as linguas baseado en dereitos e deberes e na actuación comprometida de todos os poderes do Estado.
Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira o debate que terá lugar hoxe “abre a posibilidade de dun debate profundo para garantir a oficialidade plena e real e o dereito a vivir nas nosas linguas nos nosos países sempre e en todo lugar”.
Segundo indicou Maceira “esas mudanzas son imprescindíbeis para reverter a emerxencia lingüística e eliminar as barreiras que confinan o galego a menos do 1% dos trámites na xustiza, ao 0,04% de presenza nas diferentes canles de TVE, ou á falta do requisito de competencia para prestar servizos na administración do Estado en Galiza”. Neste sentido reclamou ao PP, e nomeadamente ás súas deputadas e deputados por Galiza, coherencia co que votaron na PNL pola igualdade das linguas de 2021 e demostrar co voto favorábel que aínda se mantén dentro dos obxectivos do Plan de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade en 2004. “Un voto contrario a tomar en consideración esta lei sería un voto contra a oficialidade e a presenza do galego na xustiza, na administración, no ensino ou no audiovisual”, rematou o presidente da asociación polo galego.
Fotos e audio da rolda de prensa nesta ligazón.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

