A Mesa espera que a nova Lei do audiovisual do Estado recolla a demanda unánime do Parlamento Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística saiu ao paso das informacións publicadas nas últimas horas ao respecto do acordo acadado no Estado en relación á presenza das linguas oficiais na nova Lei do audiovisual, recordando a petición unánime de “equidade” expresada en múltiples ocasións polas forzas políticas galegas e afirmando que “ningún acordo en Madrid sobre o audiovisual será suficiente, se non se chega ao solicitado en maio polo Parlamento galego”.

En maio de 2021, o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e avalada por máis de 33.000 sinaturas. Esta iniciativa xa solicitaba “que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda”. Tamén reclamaba da Corporación de Radio Televisión Española “que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego”, nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.

Ademais, nas alegacións presentadas pola Mesa ao Anteproxecto de Lei do Audiovisual sinalábase a necesidade de “garantir a recepción mutua entre Galiza e Portugal”, segundo o contemplado na Carta Europea das Linguas e o aprobado polo Congreso o febreiro pasado como punto da PNL pola igualdade promovida pola Mesa e outras entidades de defensa das linguas do Estado.

Polo que se coñece até o momento, embora se producisen algúns avances importantes, o proxecto no que traballa o goberno non garante condicións de equidade no tratamento das linguas cooficiais. “O galego non é o 6%, 10%, ou 90% de lingua que o castelán, é igual de lingua e por tanto debe ser tratado igual”, recorda o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

Neste sentido, a entidade de defensa da lingua mantén a campaña que está desenvolver a favor do audiovisual en galego e dirixirase de novo a todos os deputados e deputadas por Galiza na procura da introdución de emendas que melloren a proposición de Lei tomando como base o acordo do Parlamento galego.

Información que trascendeu

  • Cotas de emisións nas TV e plataformas baixo demanda: Do 30% de producións europeas, o 9% resérvase para o español e o 6% para partillar entre as demais linguas cooficiais (galego, éuscaro e catalán). Art. 113 e 114.
  Español 9% Gal/Eus/Cat 6%
Netflix 470 313
Prime 361 240
Disney+ 157 105
HBO 111 74
Movistar 200 134
Filmin 765 510
  • As dobraxes de series e filmes xa existentes a galego, éuscaro e catalán deberán ser ofertadas.
  • Crearase un fondo para o financiamento da dobraxe e lexendaxe en linguas cooficiais diferentes do español coa achega do 0,5% dos ingresos das plataformas.
  • Financiamento de producións en galego, éuscaro e catalán: os OXE 2022 preverán 10,5 millóns de € a partillar entre as 3 linguas.

 

Información que non trascendeu
Financiamento anticipado

  • Entre 10 e 50 millóns de ingresos, as plataformas destinarán parte a financiar producións europeas directamente ou a través do Fondo de protección da cinematografía. Non se especifican linguas (art 115).
  • Con máis de 50 millóns de ingresos, destinarán 5% a financiar producións independentes das que o 40% garántese só para o español (art 117)
  • As televisións destinarán o 6% mais só se garante para o español (art 116)

Lexendaxe

  • Art 100. Non especifica linguas da lexendaxe nen audiodescricións na televisión lineal
  • Art 101. Non especifica linguas da lexendaxe nen audiodescricións na televisión lineal de acceso condicionado
  • Art 102. Non especifica linguas da lexendaxe nen audiodescricións na televisión baixo demanda

Pluralismo lingüístico
Non se recolle (art 5)

Audiodescrición, webs e interfaces
Non contempla o uso de máis linguas, mais sitúa o Centro Español de Subtitulado y Audiodescripciones como centro de referencia exclusivo (art. 96, 99, 100, 101, 102 e 107)

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra