A Mesa espera que o programa Atenea sexa implantado simultaneamente en galego e sen recorrer á tradución automática

A Mesa pola Normalización Lingüística valorou hoxe a sinatura do convenio entre o Ministerio de Xustiza e a Consellería de Xustiza para a incorporación do programa Atenea de xestión procesual na xustiza e que, por primeira vez, podería incorporar a posibilidade de uso galego. A vicepresidenta da entidade, Elsa Quintas, recordou que “para que a incorporación do galego sexa realmente efectiva, ten que ser simultánea desde a activación do programa”.

Neste sentido, A Mesa amósase preocupada pola posibilidade de que se empregue a tradución automática, o que “xeraría enorme desconfianza nuns documentos que non deberían conter erros nin dar lugar a malas intepretacións” e “desincentivaría o seu uso a favor da versión máis fiábel en español”, en palabras de Quintas.

A posibilidade de empregar tradución automática foi sinalada polo Director Xeral de Xustiza na súa comparecencia de 7 de novembro na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galiza, ao indicar que “non sabemos como vai ser a tradución, se automática ou por equipos” e viuse reforzada polo feito de non existir partida nos orzamentos de 2026 do departamento de Xustiza, da AMTEGA ou da Secretaría da Lingua, para a tradución do programa Atenea.

A Mesa recorda que a Xunta continuará empregando o programa do Ministerio de Xustiza, que ata agora impedía a posibilidade de uso directo da lingua propia de Galiza, malia ter transferidas as competencias da administración da xustiza e, polo tanto, poder contar co seu proprio programa de xestión da Xustiza, como acontece coas comunidades de Andalucía, Canarias, Cantabria, Cataluña, Navarra, Valencia, País Vasco ou Madrid.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra