A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa exixe a destitución do asesor xurídico do Concello de Muros que impide aos muradáns expresárense en galego, quer por “inepto”, quer por “fascista”

Calos Callón: “É insólito que alguén que cobra do diñeiro público en concepto de asesor xurídico descoñeza un dos piares do noso ordenamento xurídico”

A organización en defensa do idioma dirixiu un escrito á alcaldesa de Muros, Caridad González, solicitando que non continúe a permitir que o odio do seu asesor cara á lingua se traduza en coaccións á veciñanza

A Mesa amosou o seu apoio ao seu socio Xosé Ramón Farinós, que foi denunciado por criticar nas redes sociais que o asesor finxise nun xuízo no que representaba o Concello non entender galego para impedir que se use o idioma propio e oficial de Galiza

 

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2013. – A Mesa pola Normalización Lingüística exixiu a “inmediata destitución” do asesor xurídico do Concello de Muros pola súa demostrada galegofobia e as súas inaceptábeis coaccións á veciñanza que pretende expresarse em galego con normalidade nas súas relacións co Concello de Muros.

 

Os veciños de Muros veñen manifestando desde hai tempo o seu descontento co proceder do asesor xurídico do concello, José Luís Barro, que se nega a que os muradáns e muradás utilicen a lingua propia de Galiza na súa presenza.

 

Denuncian comportamentos como que nunha reunión no propio Concello, no gabinete deste asesor co presidente dunha comunidade de propietarios e o arquitecto  dos veciños, o asesor interrompese o arquitecto dicíndolle que no seu gabinete non se falaba galego.

 

Nunha gravación á que tivo acceso A Mesa e que circula xa polas redes sociais [ http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=TZ57WAFrMXQ&fb_source=message , vese claramente como este asesor finxe nun xuízo no que representa o Concello non entender galego para que o avogado e testemuñas da parte contraria non se expresen na súa lingua, porén minutos despois non ten nigún problema de comprensión cando son as súas propias testemuñas as que utilizan esta lingua, o que motiva a reprimenda do xuíz por considerar que lle está a “tomar o pelo”.

 

Estas situacións levaron a varios veciños, entre eles o exedil Xosé Ramón Farinós, a denunciar a actitude do asesor en distintas redes sociais e a pedirlle á alcaldesa que faga cumprir a Ordenanza Municipal de Lingua vixente no Concello e destitúa o seu asesor ben por “inepto” por non ser capaz de entender os veciños para os que traballa, ou ben por “fascista” por utilizar a súa posición no Concello para impedirlles aos veciños falaren galego. «A ordenanza obriga a todos os traballadores do Concello a entender e falar galego. Se este señor non sabe, é un inepto; e se sabe e se vale do seu posto para que outros non se expresen en galego, é un fascista», indicou Farinós.

 

Estas críticas motivaron que José Luís Barro presentase unha querela contra o socio da Mesa Xosé Ramón Farinós por atentar contra a súa honra, en que lle demanda 50.000 euros. No seu delirante escrito indica o asesor xurídico que Farinós o inxuria “por usar el idioma Español (sic)” e co ánimo de o desprestixiar.

 

O presidente da Mesa, Calos Callón,  manifesta que toda a cidadanía ten dereito a exixir que se respecten os seus dereitos e a criticar publicamente os cargos públicos que tenten impedirnos o exercicio destes dereitos. Para a maior asociación cultural de Galiza, o “descrédito profesional” ao que fai referencia José Luís Barro na súa denuncia non vén dado polas críticas de Farinós nin do resto da veciñanza, senón polo feito insólito de que alguén que cobra do diñeiro público en concepto de asesor xurídico descoñeza un dos piares básicos do noso ordenamento xurídico: que o galego, lingua propia e oficial de Galiza éo tamén das administracións locais, e que todos os cidadán teñen legalmente recoñecido o dereito a se dirixiren en galego ás Administracións Públicas.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra