A Mesa exixe a PSOE e Podemos que retiren o aval do goberno español á política contra o galego do Partido Popular de Galiza

O ministerio de política territorial responde oficialmente ás reclamacións do Consello de Europa polo incumprimento da Carta Europea das Linguas manifestando o seu apoio á política lingüística da Xunta, á que se lle atribúen “a maior parte dos datos positivos que os estudos sociolingüísticos expoñen sobre coñecemento e adquisición da lingua galega na poboación en calquera dos tipos de competencia”

Compostela, 17 de febreiro de 2021.- O ministerio de política territorial contestou á recomendación de obrigado cumprimento de “eliminar os limites ao ensino en galego en Galiza” realizada a finais de 2019 polo Comité do Ministros do Consello de Europa manifestando o apoio do goberno español á política lingüística da Xunta de Galiza, á que lle atribúen “a maior parte dos datos positivos que os estudos sociolingüísticos expoñen sobre coñecemento e adquisición da lingua galega na poboación en calquera dos tipos de competencia”. A Mesa pola Normalización Lingüística recorda que é a terceria vez o Consello de Europa advirte do incumprimento da Carta Europea das Linguas por parte do Estado e da Xunta e reclama aos partidos do goberno, PSOE e Podemos, a rectificación inmediata do informe oficial presentado o pasado mes de xullo polo ministerio de política territorial á entidade europea.

“Malia o manifestado en encontros e reunións de responsábeis do PSOE e Podemos coa Mesa ou en documentos promovidos pola entidade como a Declaración de Unidade a prol da normalización da lingua galega (2015) ou o Manifesto pola pluralidade lingüística (2018)”, salienta o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “os partidos do goberno español optan por dar continuidade ao ataque ao galego tanto de anteriores gobernos do Estado como do Partido Popular en Galiza, avaliando a situación do galego como positiva”. Maceira di que “PSOE e Podemos deben aclarar se partillan co PP que a inanición, a exclusión sistemática, a ausencia clamorosa da oferta da que si gozan o resto de linguas oficiais é positiva para o galego ou simplesmente é politica de Estado”. “Se non for así, deben rectificar o documento”, explica, “para o que teñen prazo até o 28 de febreiro data na que A Mesa contestará ao informe do Estado a petición do propio Consello de Europa”.

Neste sentido, a Mesa dirixiuse xa ao Ministerio de política territorial e aos partidos do goberno PSOE e Podemos, reclamando a rectificación inmediata do informe presentado. “Con este informe na man”, asegura Maceira, “só podemos chegar a conclusión de que o goberno español apoia e avala a politica de persecución ao galego do Partido Popular aínda que en todos os encontros mantidos coa Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades sindicais, de nais e pais ou movementos de renovación pedagóxica sinalasen o contrario”. Precisamente A Mesa, xunto coa CIG-Ensino, CSIF Ensino, STEG, ANPAS Galegas, AS-PG e Nova Escola Galega presentaron a proposta de bases para a normalización da lingua no ensino como para poder cumprir coas exixencias do Consello de Europa e por tanto cos acordos internacionais subscrios polo Estado.

A entidade de defensa da lingua recorda que se algo indican todos os estudos sociolingüísticos é a perda continuada de falantes para o galego e o aumento a níveis históricos das persoas que declaran seren incapaces de falalo (un 24% de menores de 15 anos segundo o IGE), consecuencia da pervivencia de prexuízos, da ausencia de espazos de uso e de difusión e tamén das restricións no ensino onde está prohibido nas materias de matemáticas, física e química e tecnoloxía, precisamente as que máis carga horaria teñen o que fai imposíbel o suposto “equilibrio” do que fala o decreto 79/2010 contra o galego. Os estudos sociolingüísticos coinciden tamén en que o galego é a única lingua cooficial no Estado que perde presenza e uso e que conta cunha menor oferta na educación, audivisual, ámbito socioeconómico, xustiza ou saúde.

“Para xustificar que non cumpriron os compromisos da Carta Europea”, remata Maceira, “o goberno do Estado basease en mentiras ou omisións como a da prohibición do galego en certas materias ou a súa exclusión na educación infantil, tamén acode ao mesmo discurso manipulador para fuxir da súa propia responsabilidade ao non ter introducido mudanzas nos procesos xudiciais que permitan o desenvolvementos dos procesos xudiciais na lingua propia a petición dunha parte ou a ausencia do requisito de coñecemento do galego ao funcionariado do Estado destinado en Galiza”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra