A Mesa pola Normalización Lingüística mostra o seu rexeitamento ante as declaracións do ministro Albares a respecto de que “aínda non é o momento” para que a lingua galega sexa oficial na Unión Europea.
A secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, salientou que “a razón pola que a nosa lingua ten que estar en Europa, como calquera outra lingua representada, é porque é oficial no territorio onde se fala”. Igual que o resto de linguas do Estado, como é o catalán ou o éuscaro.
“Non podemos aceptar que sexa o catalán en primeiro lugar, polas razóns que esgrime o ministro” sinala. Dende A Mesa entendemos que responden a unha estratexia política, que nós non podemos compartir.
Armas manifesta que “o PSOE está mostrando unha actitude que o equipara exactamente igual á que ten o Partido Popular cando vota en contra de que a nosa lingua teña presenza no Congreso dos Deputados”. Esta actitude incoherente e galegófoba non pode continuar adiante e polo tanto, dende A Mesa pola Normalización Lingüística exixe unha inmediata rectificación do ministro para que a nosa lingua teña presenza na Unión Europea en igual de condicións que calquera outra.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.