A Mesa exixe o cesamento inmediato do xefe territorial da Consellaría de Educación da Coruña por desprezo manifesto á lingua galega

O máximo responsábel de Cultura, Educación e Política Lingüística da provincia da Coruña enviou unha felicitación oficial de Nadal en castelán e utilizando o topónimo deturpado La Coruña

Santiago de Compostela 16 de decembro de 2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística  a través do seu presidente Marcos Maceira, exixíu hoxe ao Presidente da Xunta e ao Conselleiro de Cultura e Educación o cesamento inmediato do seu xefe territorial na Coruña, Indalecio Cabana polo seu desprezo á normas elementais que deben guiar á Xunta de Galiza e nomeadamente á Consellaría de Educación e Cultura.

O Xefe territorial da Coruña da Consellaría de Cultura e Educación, Indalecio Cabana, remitiu unha felicitación de Nadal oficial e co carimbo da Xunta en castelán e co topónimo A Coruña deturpado, o que para a Mesa é algo insólito por parte dun goberno que ten a obriga de cumprir as leis e dunha consellaría que ademais ten a responsabilidade da política lingüística.

Segundo sinalou o presidente da Mesa, non se pode consentir o desprezo manifesto á lingua galega nun alto responsábel da Consellaría de Educación, que por responsabilidade debería dar exemplo no cumprimento do Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística e mesmo o artigo 3 do decreto 79/2010 contra o galego mais que sinala o galego como  lingua da administración educativa en Galiza. “Se a falta de respecto é grave en calquera cargo público da Xunta, éo máis na persoa que ten responsabilidade directa na política lingüística.

nadalCoruña“Unha persoa que despreza o galego e as súas obrigas de tal maneira e que ademais se permite acompañar iso cos versos dunha persoa cun compromiso sen tacha coa lingua galega como Manuel María, non pode seguir un minuto máis no seu cargo” insitíu o presidente da entidade en defensa da lingua galega, para quen “nin o galego, nin os seus autores máis destacados son ningún adorno de nadal ou un complemento prescindíbel como dá a entender a felicitación do Xefe territorial da Coruña”.

“En vez de lamentacións e golpes no peito pola situación da lingua galega, os responsábeis do Partido Popular e da Consellaría de Educación, deberían actuar a favor do galego comezando por cumprir e facer cumprir a lexislación que o ampara, o que por suposto inclúe aos seus representantes. Como pode ser que quen ten a responsabilidade de impulsar o galego facer cumprir a lei, sexa o primeiro en incumprila?” Preguntouse Maceira, que puxo a felicitación como exemplo da política lingüística en Galiza e na provincia da Coruña, “onde o galego está excluído da inmensa maioría das aulas de educación infantil das cidades”.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra