INICIATIVA XABARÍN / A Mesa exixe o cumprimento da Iniciativa Xabarín aprobada Parlamento galego

A Iniciativa Xabarín pola programación infantil e xuvenil en galego na televisión aprobouse por unanimdade no Parlamento galego en maio de 2021, despois de meses sumando o apoio de ducias de colectivos e de máis de 33.000 persoas. Sen embargo, seguen sen cumprirse acordo parlamentar e dos aspectos favorábeis ao galego da lexislación estatal. A Mesa pola normalización lingüística lanza hoxe unha campaña para exixir o seu cumprimento, “xa”, por parte da TVG e de TVE.

O acordo parlamentar promovido pola Mesa con amplo apoio social recollía que a TVG “aumentaría a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade, a través do reforzo e a promoción das 4 canles Xabarín” e que “o sinal destas canles sería distribuído a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil”, con “programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como aplicacións actualizadas”. Porén, advirte o presidente da asocación en defensa da lingua, Marcos Maceira, “a realidade é que a día de hoxe nada disto existe”. “Pola contra”, abunda Maceira, “a programación infantil e xuvenil en galego é apenas o 0,83% da dispoñíbel nas operadoras de televisión e a TVG reduciu o espazo reservado a esta programación na segunda canle”.

En relación a TVE, o acordo do Parlamento galego instaba á dobraxe e á lexendaxe na súa canle infantil e a disposición adicional 5ª da nova lei do audiovisual obriga a facelo nos contidos destinados a menores de 12 anos. Sen embargo, denuncia o presidente da Mesa, “o galego está dispoñíbel en 0% das súas emisións na canle temática Clan”.

“É lamentábel que haxa que reaxir para se cumprir a lei e os acordos unánimes do Parlamento galego”, abunda Maceira, “mais as fobia ao galego de Alfonso Rueda non pode estar por riba da demanda cidadá de que a TVG impulse a oferta en galego para nenos e nenas”. “Estase a impedir que a infancia e a mocidade galega teña unha mínima posibilidade de acceso a contidos audiovisuais televisivos orientados a ela”, denuncia Maceira, “para iso o presidente Rueda non dubida en boicotar directamente unha decisión do Parlamento sobre a TVG”. “Esta actitude fortalece tamén o desprezo polo galego da actual dirección de RTVE”, incide, “que  actúa como se o galego, simplesmente non existise e non tivese estatus legal nengún”.

“Os poderes públicos teñen obriga de promoción do galego e as televisións públicas teñen que estar ao servizo da sociedade”, remata Marcos Maceira, “tanto a TVG como TVE deben favorecer o acceso das crianzas á súa lingua. Xa abonda de incumprir todos os acordos e leis favorábeis ao idioma de Galiza”.

A campaña, que xa se pode asinar online, tamén contará coa posibilidade de asinar en papel e procurará de novo os apoios das entidades sociais, centros de ensino ou concellos. As sinaturas recollidas serán entregadas á Xunta de Galiza, TVG, Ministerio de Asuntos económicos e dixitalización e a TVE.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra