Renfe e a Xunta promocionan trens turísticos da ruta do viño con saída en *Orense
Os recentes casos de Renfe e o Ministerio de Agricultura son só dous exemplos da involución no uso correcto e oficial dos nosos nomes de lugar por parte da Administración que A Mesa leva meses denunciando
Santiago de Compostela, 20 de xuño 2014. A Mesa pola Normalización Lingüística fixo públicas esta mañá as queixas recibidas nos últimos días por usuarias e usuarios de Renfe que constataron como a empresa pública publicita os seus trens turísticos por Galicia deturpando a nosa toponimia, ao tempo que exclúe o galego da páxina web habilitada no marco dunha campaña feita en colaboración coa Xunta de Galiza e o Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico): http://www.renfe.com/trenesturisticos/otros-trenes-galicia.html.
Deste xeito, ao consultarmos as “Rutas del Vino” encontrámonos con que todos os trens teñen a súa saída en *Orense http://www.renfe.com/ofertas/galicia_trenesturisticos.html
A Mesa, que xa se dirixiu a esta empresa pública en varias ocasións no último ano pola deturpación da toponimia galega nos seus servizos, anunciou medidas tanto ante a Xunta o como ante a Ministra de Fomento, Ana Pastor, para que insten a Renfe a cumprir coa legalidade.
Complicidade e pasividade da Xunta nunha involución con motivos ideolóxicos
Desde A Mesa sinalaron que nos últimos anos se están a multiplicar as queixas que reciben polo uso incorrecto de topónimos por parte do Goberno e das empresas públicas, unha cuestión que parecía estar superada. Denuncian que este revival de deturpación da nosa toponimia está motivado e impulsado ideoloxicamente desde o propio Goberno, que se nega a aceptar a diversidade lingüística e cultural do Estado renegando da lexislación e os consensos democráticos acadados entre todas e todos.
Neste sentido, esta mesma semana o xornal La Voz de Galicia denunciaba como o Ministerio de Agricultura españolizaba a toponimia galega nunha presentación de obras do litoral no Val Miñor, onde se recollían formas como Cotobad, Sangenjo, Villanueva de Arosa ou Sotomayor.
Desde a asociación en defensa da lingua criticaron a “pasividade vergoñenta da Xunta e da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística”, que ollan estas noticias sen abriren a boca e “incumpren tamén a súa obriga legal de protexer o noso patromonio toponímico”. Neste sentido Marcos Maceira pediu ao secretario xeral de Política Lingüística que explique á sociedade galega que está a facer para garantir que se cumpra Lei de normalización lingüística nalgo tan básico como que nos chamen polo noso proprio nome: “Situacións como estas en que a propia Administración se nega a chamarnos polos nosos propios nomes evidencian a falta de respecto que nos teñen como sociedade”, sinalaron desde a asociación en defensa da lingua.