Unha muller viguesa denuncia a través da Liña do Galego que unha pediatra de urxencias do Álvaro Cunqueiro lle pediu de moi malas maneiras tanto a ela como ao seu fillo que lle falasen en castelán, “porque ela non é galega”
Elsa Quintas, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, recórdalle por escrito ao conselleiro Vázquez Almuíña que o Estatuto de Autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego” e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns. Quintas solicítalle a Vázquez Almuíña que realice as oportunas pesquisas sobre o grao de incumprimento do emprego do galego nos documentos da Consellaría de Sanidade e do Sergas e o resto de ordenamento legal vixente en materia de normalización lingüística por parte do Sergas.
É un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que, desde o ano 2007, atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións, empresas etc, que os vulneran; así como parabéns para quen dea pasos cara á garantía do dereito a vivir en galego. Desde xullo do ano 2016, a Mesa puxo en marcha a app A Liña do Galego; o obxectivo desta aplicación é proporcionar ás usuarias e usuarios unha nova forma de comunicación que permita o envío de queixas e parabéns dunha forma sinxela, rápida, segura e cómoda.
O pasado ano, 2018, a Liña do Galego tramitou 303 queixas, das que un 12% estaban relacionadas co Servizo Galego de Saúde. Desde a entidade de defensa da lingua saliéntase que “a administración autonómica con funcións e competencias para garantir estes dereitos non só abdica da súa responsabilidade, senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas en relación ao galego”. “A Liña do Galego só recolle unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos son sistemáticas”, lamenta Quintas. “Este dato é máis unha evidencia dos pasos atrás que o goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en relación ao impulso do uso do galego na administración e no respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía. Quen máis debería facer cumprir a lexislación que protexe e respecta o galego, é precisamente quen máis a incumpre e vulnera”, lamenta.