A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación resolveu por unanimidade outorgarlle o Premio Xela Arias nesta V edición á Mesa pola Normalización Lingüística polo seu labor e dedicación na iniciativa de cambio da nova Lei Xeral do Audiovisual para conseguir que o galego teña financiamento anticipado nas producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda.
O xurado considerou que esta iniciativa marca un punto de inflexión na conquista de dereitos do galego e unha nova etapa que estamos a constatar que se está a abrir no ámbito da tradución audiovisual cara ao galego.
Receberémolo o 16 de decembro na Coruña co compromiso de continuar a traballar pola dobraxe e lexendaxe en galego.