A Mesa informa á ONU da persecución á que somete Enaire a algúns dos seus empregados por usar o galego no traballo

A entidade pública que xestiona a navegación aérea pretende forzalos a se comunicaren coa dirección da zona en español, tanto verbalmente como por escrito, incumprindo tratados e acordos internacionais ademais la lexislación galega

A Mesa pola Normalización Lingüística informou ao relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, e mais á responsable da recentemente creada división de minorías nacionais e lingüísticas do Consello de Europa, Elise Cornu, da persecución á que a empresa pública española de servizos aeroportuarios Enaire está a someter a algúns traballadores polo uso do galego no traballo.

“Esta acción da empresa Enaire, pertencente ao Ministerio de Transpostes, presenta un precedente de consecuencias gravísimas se se extender ao conxunto de empresas cuxa actividade se desenvolve en Galiza”, explica o presidente da Mesa, Marcos Maceira, nas cartas que lles remitiu a De Varennes e Cornu. “Tanto polo feito como polas graves consecuencias que pode chegar a ter para as traballadoras, coidamos que é unha acción grave de discriminación polo uso da lingua propia e cooficial protexido polo artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galiza, polo artigo 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, polo artigo 27 do pacto internacional de dereitos civís e políticos e o artigo 13 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas, engade.

A empresa afirma que a dirección do centro de traballo, no aeroporto de Santiago de Compostela, está en Madrid e que por ese motivo non teñen por que entender nen atender nengunha das comunicacións dos traballadores nunha lingua diferente do español. Porén, a inspección de traballo xa lles deu a razón aos traballadores, afirmando que se o centro de traballo está en Galiza teñen todo o dereito a usar o galego aínda que a dirección estea fóra por motivos alleos ao centro de traballo e á actividade. Como resultado deste informe positivo da inspección de traballo, a empresa acusa ás traballadoras de “acoso ascendente” agravado pola insistencia no uso do galego que pode acabar nunha sanción moi grave.

A Mesa pola Normalización Lingüística, como ONG que actúa para a defensa e promoción da lingua galega, xa se dirixiu tanto ao ministro de Transportes como á empresa, para intentar que corrixan esta actitude.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra