Carlos Callón: “Só hai un camiño digno para o decreto-zombi contra o galego: a súa derrogación”.
A Mesa pola Normalización Lingüística, a primeira entidade que gañou unha sentenza do TSXG contra o “mal chamado decreto do plurilingüismo”, considera que Alberto Núñez Feijóo “continúa sen asumir o enorme pau xudicial” e por iso pretende “manter en vigor un decreto cadaverizado polo Tribunal Superior”.
O presidente da maior asociación cultural de Galiza, Carlos Callón, sinala que “o que ten que facer o presidente da Xunta é procurar unha nova norma que si se axuste ao Estatuto, á Lei de Normalización Lingüística, ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e á Carta Europea das Linguas, non tentar manter até o último suspiro un decreto cuxos principais artigos foron declarados ilegais con todas as letras”. “Só hai un camiño digno para o decreto-zombi contra o galego: a súa derrogación”, subliña o portavoz da Mesa.
Por iso, a organización cidadá reclama que Núñez Feijóo “deixe de mentir” e “asuma as contundentes sentenzas do TSXG, que rexeitaron por ilegais os núcleos do decretazo contra o galego, que son tamén os núcleos do discurso lingüístico do PP”.