A Mesa pola Normalización Lingüística vén de trasladarlle por carta ao Secretario Xeral de Política Lingüística que, segundo as queixas recibidas a través da Liña do Galego e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, o profesorado que avalía as probas CELGA 4 foi informado de que se decidiu non ter en conta na avaliación das mesmas a fonética nin a fonoloxía.
A Directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, advirte que isto “é contrario ao estabelecido na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (CELGA)”, xa que entre os criterios de avaliación da proba oral recolle a pronuncia e a entoación.
A Mesa pola Normalización Lingüística solicita, por tanto, que dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística se aclare por escrito antes do 29 de maio se houbo algunha modificación oficial nos criterios de avaliación do CELGA 4, para evitar dúbidas aos e ás avaliadoras.