A entidade solicitou unha xuntanza co conselleiro de Educación, para presentarlle un modelo de sistema educativo co galego como lingua vehicular e de aprendizaxe elaborado xunto con movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais
“O goberno galego non só se debe mostrar favorábel a estas modificacións”, asegura o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “senón que debe actuar no seu propio marco legal para cumprir co sinalado polo Comité de minstros do Consello de Europa, derrogando o decreto contra o galego no ensino”. Maceira recorda que “a mestura da LOMCE co decreto derivou nun cóctel explosivo que na Educación Secundaria aumenta significamente a carga horaria das materias onde está vetada a presenza do galego. e que, na Educación Infantil, o uso do galego no conxunto do país está relegado a un mísero 8%”.
A entidade pola lingua solicitou unha reunión co conselleiro de educación, para presentarlle o documento elaborado conxuntamente por diversos axentes da comunidade educativa e que propón un modelo de sistema educativo no que o galego sexa a lingua vehicular e de aprendizaxe. Ten en conta aspectos básicos como a formación do profesorado e do persoal do centro e a implicación de familias e alumnado nun proceso ao que ninguén pode ficar alleo. Esta implicación concrétase na participación da comunidade educativa tanto nas equipas de normalización como na súa actividade.
Coa súa Proposta de normalización do galego no ensino en Galiza, A Mesa, movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais queren garantir o ensino en galego e dunha perspectiva galega que, ao tempo, contribúa a mudar a situación na sociedade. O documento recolle achegas de todas as organizacións asinantes e conta cun amplo acordo para conseguir que o galego sexa a lingua vehicular do noso sistema educativo.