A Mesa participou na concentración en Ourense contra os despedimentos en Unitono e Naturgy
Ourense, 14 de novembro de 2019-. A Mesa pola Normalización participu hoxe na concentración de apoio ás 400 traballadoras e traballadores afectadas pola rescición de contrato de Naturgy á emprestadora de teleatención Unitono.
O servizo emprestado por Unitono a Naturgy desde Ourense e A Coruña garantía a posibilidade de atención en galego mais a rescisión de contrato por parte da empresa comercializadora de enerxía (que extrae das diferentes centrais, minicentrais e parques eólicas instaladas nos ríos e montes de Galiza 2.329.965 kW) eliminará a opción de galego e centos de postos de traballo.
Durante a concentración o presidente da Mesa, Marcos Maceira, alertou sobre o que supón o desprezo á lingua do país, con graves consecuencias sociais e económicas. “O desprezo ao galego por Naturgy, que extrae enormes lucros de Galiza, afecta aos dereitos lingüísticos das e dos consumidores e destrúe empregos”, afirmou. Por iso instou á Xunta e ao Estado a intervir: “por que emprestar servizos de atención á aclientela en castelán é unha obriga para estas empresas e en galego nin sequera unha opción? Preguntouse. “O Estado debe mudar todas as disposicións legais que discriminan o galego e a Xunta utilizar as súas competencias para dignificar a lingua propia de Galiza e garantir o dereito a empregala sempre”.
O persoal de Unitono foi informado por Naturgy da rescisión definitiva do contrato com Unitono o próximo 15 de novembro, o que afecta a 150 traballadores na Coruña e 130 en Ourense, ademais dos 90 xa despedidos. “Con este ERE desaparecerá a posibilidade de atención en galego dunha compañía que extrae grande parte dos seus lucros da súa actividade en Galiza”, sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira,
Ademais segundo indican as traballadoras e traballadores “este ERE responde a unha clara estratexia de deslocalización que pasa por desmantelar o centro de Galiza na busca de man de obra barata que non poderá prestar servizos en lingua galega”.
A Mesa pola Normalización denunciou reiteradamente a situación que se produce pola falta de garantías que permitan o uso do galego nas relacións económicas, ofrecendo alternativas legais que amparasen os dereitos lingüísticos e laborais como a Iniciativa Lexislativa Popular para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, rexeitada en 2016 polo Partido Popular no Parlamento tras xuntar os apoios de arredor de 30.000 galegas e galegos.
As grandes empresas de luz, auga, telefonía, banca, seguros e incluso a administración pública teñen subcontratados os servizos de atención ao público a través de empresas de centros de chamadas que exclúen sistematicamente o galego, o que agrava o proceso de deslocalización das empresas de teleatención cara terceiros países mentres 100.000 galegos e galegas foron obrigados a emigrar pola perda de emprego no noso país.
Segundo indicou o presidente da maior entidade en defensa do galego, Marcos Maceira, “ o desprezo pola lingua galega e pola clientela que quere empregalo con total liberdade ten un custe directo coa vulneración de dous dereitos fundamentais: o dereito a vivir en galego e a traballar con dignidade e Galiza”.