A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa lamenta o desprezo demostrado polo presidente do Goberno español no debate ao deturpar a toponimia galega

Carballino ou Orense foron algunhas das deturpacións que utilizou o Presidente do goberno español no debate de política xeral

Maceira: “É lamentábel que a estas alturas alguén poida dicir Carballino sen enrubiar de vergoña”

 

Santiago de Compostela, 25 de febrero de 2015.- Máis de trinta anos despois de que a Lei de Normalización Lingüística recoñecese que a única forma oficial e correcta a todos os efectos de denominar os nosos nomes de lugar é a orixinal, isto é, a galega, o presidente do Goberno, Mariano Raxoi, demostrou novamente o seu desprezo ao galego e á lexislación que o protexe deturpando sistematicamente a nosa toponimia na súa intervención no debate das Cortes.

Na intervención nas cortes máis mediática do ano, o presidente non tivo reparo en utilizar topónimos aberrantes como Carballino ou Orense, incumprindo a legalidade vixente desde hai máis de tres décadas. Así, Raxoi non só demostra o seu desprezo a Galiza e a súa mala fe, senón tamén unha “profunda ignoracia”. En palabras do presidente da Mesa, Marcos Maceira: “É lamentábel que a estas alturas alguén poida dicir Carballino sen enrubiar de vergoña. Obxectivamente é un ridículo moito maior que dicir relaxing cup of café con leche”

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, que o presidente do Goberno se permita continuar a deturpar os nosos topónimos no propio Congreso e no debate máis mediático do ano é unha mostra do seu desprezo absoluto pola oficialidade do galego.

É unha mostra máis do cinismo do PP que cando lle convén enche a boca dicindo que “o primeiro deber dun gobernante é cumprir e facer cumprir as leis” ao tempo que incumpre sistematicamente todas aquelas que protexan minimamente a lingua e o patrimonio cultural dos galegos e galegas.

 Complicidade e pasividade da Xunta nunha involución con motivos ideolóxicos

Desde A Mesa lembraron que nos últimos anos se multiplicaron as queixas que reciben polo uso incorrecto de topónimos por parte do Goberno, administracións e empresas públicas, unha cuestión que debería estar superada desde o ano 83. Denuncian que este revival de deturpación da nosa toponimia está motivado e impulsado ideoloxicamente desde o propio Goberno, que se nega a aceptar a diversidade lingüística e cultural do Estado renegando da lexislación e os consensos democráticos acadados entre todas e todos.

Neste sentido, a deturpación de topónimos galegos por parte do presidente do goberno únese a outros casos xa denunciados pola Mesa nos últimos meses como os do Ministerio de Agricultura, o Ministerio de Fomento, a Deputación de Pontevedra, Renfe, TVE, etc.

A entidade en defensa do idioma criticou a “pasividade vergoñenta e cómplice da Xunta e da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística”, que ollan estas noticias sen abriren a boca e “incumpren tamén a súa obriga legal de protexer o noso patromonio toponímico”. Neste sentido Marcos Maceira pediu ao secretario xeral de Política Lingüística que explique á sociedade galega que está a facer para garantir que se cumpra Lei de normalización lingüística nalgo tan básico como que nos chamen polo noso propio nome: “Situacións como estas en que o propio presidente do Goberno se nega a chamarnos polos nosos propios nomes evidencian a falta de respecto que Raxoi ten ao conxunto de galegas e galegos”, sinalaron desde a asociación en defensa da lingua.

 

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra