A Mesa lamenta que as autoridades estean máis preocupadas en xulgar a quen defende o galego que en protexer a nosa lingua

A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse esta mañá, diante dos xulgados de Ourense, en apoio da única toponimia lexítima, oficial e legal, coincidindo co xuízo polas supostas actuacións nun balado que promovía a deturpación do nome da cidade das burgas.

O presidente da entidade en defensa da lingua, Marcos Maceira, considera “escandaloso” que se xulguen dúas persoas por reclamar respecto ao único artigo prescriptivo da Lei de Normalización Lingüística, o artigo 10 que di que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega” un día antes de que teña lugar, tamén en Ourense, “un evento ultraespañolista que se anuncia gabándose de deturpar a toponimia da cidade” e que o faga, ademais, co patrocinio da Xunta de Galiza e da Deputación de Ourense.

“Nisto”, denunciou Maceira, “tamén demostra o Partido Popular o pacto de enterro do galego que quere promover”. “As autoridades mostráronse máis preocupadas en procurar vítimas propiciatorias entre quen defende o dereito a vivir en galego que en facer efectivo e cumprir o artigo 10 da LNL”, lamentou o responsábel da Mesa. “No canto de promover e defender a legalidade”, rematou, “escollen abrir procesos empregando recursos públicos e métodos de dubidosa lexitimidade e legalidade”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra