A Mesa lanza un extenso catálogo con centos de propostas de compras e agasallos de Nadal en galego

Libros, discos, cadernos e elementos decorativos, xogos, instrumentos musicais, roupa, complementos, prantas, enerxía, servizos profesionais, experiencias, alimentos… A Mesa pola Normalización da Lingüística presenta hoxe ás 20h15 no Salón de Actos da Casa da Cultura de Vilalba, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos e mais polo Consello da Cultura Galega, un extenso catálogo con centos de propostas de compras e agasallos de Nadal en galego que distribuirá de xeito gratuíto esta fin de semana no Culturgal e, despois, nas vilas e cidades galegas. “Consideramos importante recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico”, afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e recorda que “coa decisión de facermos presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”
Este catálogo é o máis extenso e diverso de cantos leva publicado o proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. Desde o cumprimento da lexislación lingüística e o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego,  até o uso sistemático do galego tanto interna como externamente e a solicitude de información e documentación en galego a provedores e administracións, Abertos ao Galego acompaña e apoia aquelas entidades que apostan dun xeito consciente pola lingua propia amosándolle á cidadanía os seus esforzos e animando os consumidores e consumidoras a apoialas, escollendo os seus produtos ou servizos.

“Todas as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen implicacións”, afirma Maceira, “non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra