Carlos Callón: “Feijóo e Mario Conde compiten entre si a ver quen despreza máis a lingua galega”.
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta mañá en Santiago de Compostela unha campaña en que lembra “os principais ataques contra a lingua galega durante o goberno de Núñez Feijóo”, como “razóns elocuentes de que este home non merece ser reelixido”.
A vicepresidenta da Mesa, Susana Méndez, explicou que esta iniciativa estará conformada pola difusión “o máis masiva posíbel” de cartaces en que se sintetizan “algúns dos principais retrocesos para o noso idioma” por causa da Xunta, xa que “adianto non houbo ningún”. Ademais, A Mesa chama á cidadanía a que divulgue estes materiais a través das redes sociais, “para que non fique ningún recanto de Galiza ao que non chegue este material”.
Carlos Callón manifestou tamén a súa “preocupación” porque os candidatos Alberto Núñez Feijóo e Mario Conde “compitan entre eles a ver quen despreza máis a lingua galega”. “Non habería peor noticia para o noso idioma que ver que o 21 de outubro volva a saír ratificado como presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, for en solitario ou cun bipartito con Mario Conde”, sinalou o portavoz da maior asociación cultural de Galiza.
Desde A Mesa lembran neste material que conselleiros do Goberno “despertaron vellos e malintencionados prexuízos” como que “a cultura galega limita” ou que “o galego pode ser un muro para o futuro”, ademais da maior destrución de libros de texto en galego “desde 1936”, un total de 190.000 exemplares que foron desbotados porque estaban escritos no noso idioma.
A asociación censura tamén o diñeiro e os esforzos institucionais que desde a Xunta presidida por Feijóo se destinaron a “atacar a lingua que nos une como galegas e como galegos”. Ante iso, conclúen que “o galego une e Feijóo separa”, motivo polo cal animan “a todas as persoas con sensibilidade polo noso idioma a que poñan todo o esforzo para botar fóra este goberno nefasto”. “Podemos descansar o 22 de outubro; antes, non”, finalizaron.
Podes descargar os materiais da campaña e axudar á súa difusión desde esta ligazón:
http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Campaña+Feijóo