A Mesa lémbralle aos Estados da UE o apoio da sociedade á oficialidade do galego e ofrécese para clarificar dúbidas

A entidade en defensa da lingua galega recórdalles ás representacións permanentes dos Estados membros da unión, que o venres 18 debaterán de novo a oficialidade do galego nas institucións comunitarias, que a ausencia de recoñecemento da nosa lingua é unha “anomalía” á que cómpre poñer fin. Pídelles que apoien a oficialidade do galego e ponse á súa disposición para aclarar calquera dúbida ou coñecer máis directamente todo o relativo ao idioma de Galiza.

A Mesa pola Normalización Lingüística recupera a carta aberta que asinaron en novembro de 2023 máis de 30 representantes de entidades públicas e sociais, pedíndolles aos Estados membros  que voten “si” ao recoñecemento da lingua galega como oficial da Unión Europea, salientando que “o galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo”. A carta está asinada polos alcaldes e alcaldesas das principais cidades galegas, polos reitores das tres universidades, polos presidentes das Deputacións de A Coruña e Lugo, polos secretarios xerais dos principais sindicatos con presenza no noso país e mais das principais entidades da cultura, da educación, das empresas e do rural galego. 

Nela, salientan que “o idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas todas as xeracións actuais na cultura, na educación, no progreso social, económico e político”. Recordan, tamén, que “a oficialidade do galego en Galiza, recoñecida en 1981, non será plena se non atinxe a todos os ámbitos da nosa vida social, económica e cultural, hoxe condicionada en moitos aspectos pola nosa pertenza a unha Unión Europea que aínda non recoñece plenamente a nosa lingua”. “Para afrontar o futuro en todos os ámbitos precisamos o apoio e protección que as regulacións europeas dan ás linguas oficiais da Unión”, afirma o documento, que tamén asinan Mónica Fernández Valencia, presidenta da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras pola Normalización da Lingua; Celia Armas, directora de Abertos ao Galego; Elsa Quintas Alborés, directora do Observatorio Dereitos Lingüísticos; e Marcos Maceira Eiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Naquela altura, en setembro de 2023, a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, participara tamén nunha rolda de prensa no Parlamento Europeo na que a Rede Europea de Igualdade Lingüística (ELEN) pediu aos Estados membros da Unión Europea que voten a favor do recoñecemento pleno da oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro na Unión Europea. Quintas manifestara, na súa intervención, que “o impacto sería moi positivo e suporía un paso enorme cara ao recoñecemento e a normalización das linguas minorizadas, porque a oficialidade a nivel europeo é fundamental para protexer os dereitos lingüísticos das persoas falantes destas linguas”. “De feito”, abondara, “hai máis de 500 medidas legais de todo tipo que requiren a presenza e o uso das linguas oficiais da UE. Especialmente, no relativo ao consumo. E isto é moi importante, porque ten implicacións directas e indirectas na vida diaria das persoas”.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra