A Mesa acude á litigación estratéxica ante a Audiencia Nacional para defender o dereito a empregar o galego nos exames da UNED. A entidade de defensa da lingua pide a revogación íntegra da sentenza do xulgado central do contencioso administrativo, que valida a vulneración dos dereitos lingüísticos dun estudante ao que non se lle corrixiu un exame, por escribilo na nosa lingua.
A Mesa solicita o amparo da Audiencia Nacional, recoñecendo o dereito do alumno, Bieito Lobeira, a “utilizar a lingua cooficial do territorio no que se examina na realización e redacción das probas presenciais”. A este respecto, a universidade defende que “o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán” e que, “en consecuencia”, “non ten obriga de corrixilo”.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira recorda que “a imposición polo Estado da obriga de realizar no ensino universitario os exames en castellano, baixo a pena de non seren admitidos, constitúe unha perturbación grave e non xustificada”. Maceira insiste en que “o cidadán non puido escoller en que universidade se matricular ao non existir esa titulación en ningunha universidade galega”, polo que “a imposición do castellano nas probas presenciais implica que se teña que expresar nunha lingua que non é a súa propia”.
O presidente da Mesa abunda en que “esta imposición considérase unha medida desproporcionada e caprichosa, que ademais non persegue ningunha finalidade lexítima” e explica que unha profesora da UNED se ofreceu a traducir o exame ao castellano, a pesares do cal “a imposición de exixir un exame orixinal redactado en castellano se mantén, coa intención de dobregar a vontade e someter o estudante”.
Maceira explica que o caso de Lobeira non é único, pois existen moitos outros estudantes galegos que optarían por realizar os exames en galego se non estivese penalizado coa inadmisión e pon como mostra a intervención do daquela deputado Francisco Rodriguez do BNG hai máis de vinte anos no Parlamento Español por este mesmo motivo, ao existir outros estudantes que viñan padecendo os obstáculos na UNED para presentar tesiñas e teses en galego.
A Mesa agarda que este litixio corrixa esta actitude da UNED e obrigue a universidade pública a recoñecer o dereito do estudantado galego “a realizar todos os exames na lingua cooficial do territorio no que se examine”.
A Mesa pola Normalización Lingüística conta cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego. Trátase de A Liña do Galego, dispoñible tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta, en iTunes e Google Play