A Mesa pola Normalización Lingüística concentrarase a vindeira terza feira (martes), 4 de agosto, ás 11h na rúa Príncipe de Vigo para denunciar unha “grave discriminación por motivos lingüísticos” sufrida por unha cidadá galegofalante no comercio K-Tuin.
A entidade en defensa da lingua recibiu, a través da Liña do Galego, o testemuño dunha agresión lingüística sufrida por unha cidadá á que lle foi negado o seu dereito a empregar a nosa lingua nun negocio de Vigo e, chegado o momento, a recibir unha folla de reclamacións na que poder reflectir a situación vivida. A persoa agredida denuncia “manobras intimidatorias” para evitar a queixa por parte do persoal do establecemento, que -segundo asegura- chegou a dicirlle que “non queren clientes coma min”.
A vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas, sinala que se trata dunha vulneración clara de dereitos lingüísticos e recorda que, “se ti non queres na súa tenda persoas galegofalantes estás discriminando por motivos lingüísticos”. “Eu quixera reflexionar”, di Quintas, “sobre qué pasaría se unha persoa que vai a calquera establecemento comercial en Madrid se lle negase o seu dereito a dirixirse ao dependente en castellano”.
A Mesa trasladou a queixa formalmente ao establecemento e convida a cidadanía a defender os seus dereitos lingüísticos acudindo á concentración.

