A Mesa móstrase avergoñada tras as rotundas recomendacións sobre o galego dos Ministros do Consello de Europa

A Mesa continuará a acción nacional e internacional para que o 2016 sexa o último dun decreto infame

Marcos Maceira: “Exiximos que mentres non se elabore un novo decreto de consenso, se eliminen todas as restricións ao uso do galego”

“Esta chamada de atención é resultado de 6 anos de mobilizacións a favor do galego”

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2016-. Por segunda vez desde a chegada de Núñez Feixó á presidencia da Xunta, o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, instou con toda a forza ao Goberno da Xunta e do Estado a disporen os medios para garantir o cumprimento da Carta en todos os aspectos e, dun xeito especial no ámbito do ensino, sinalando que os obxectivos do mal chamado Decreto de Plurilingüísmo entran en contradición e incumpren o contemplado na Carta.

Segundo Marcos Maceira, “a vergoña que sentimos na Mesa por un informe tan rotundo como este, só se pode combater ampliando a acción nacional e internacional, que a Mesa realizou no 2015, para que o 2016 sexa o último ano dun decreto infame”.

“Só agardamos que o presidente da Xunta sexa capaz de sentir a vergoña que sentimos nós e que atenda os chamados da sociedade galega e a comunidade internacional”, indicou.

Para a Mesa, que durante a avaliación presentou ao Comité de Expertos un detallado relatorio de incumprimentos da Carta, hai, ademais, un paso importante por parte do Consello de Europa xa que por primeira vez é o propio Consello de Ministros quen sinala nas súas recomendacións que a introdución dunha terceira lingua non pode ir en detrimento da propia.

O informe dos expertos sinala ademais a dificuldade para obter datos fiábeis sobre o galego no ensino e a falta de avaliación por parte da Xunta das consecuencias do decreto, un aspecto que contempla o propio decreto e que xa foi sinalado pola Mesa no recente informe sobre o galego na Educación Infantil nas cidades, ao que os expertos fan referencia.

“Desta vez non son só os avaliadores quen relatan a situación de extranxeirización que padece o galego no ensino, senón que tamén son os Ministros quen fan a mesma recomendación que leva facendo a sociedade galega desde hai 6 anos a través das mobilizacións”, sinalou o presidente da Mesa. “Sen estas mobilizacións e sen toda a presión que se fixo dentro e fóra de Galiza non habería unha chamada de atención tan forte”.

Deste xeito o Consello de Ministros do Consello de Europa súmase ao indicado desde que entrou en vigor o Decreto contra o galego ao sinalado pola Mesa pola Normalización Lingüística e plataformas cidadás amplas como Queremos Galego que agrupa máis de 600 organizacións sindicais, políticas, culturais, deportivas ou veciñais.

Desprestixiando o idioma, Feixó estase desprestixiando a nível internacional a si propio e á Xunta como institución, mais tamén ao conxunto de Galiza. A comunidade internacional non entende como se pode asinar un tratado e despois incumprilo impunemente e gabarse de o facer, mais tamén, lembrou Maceira, “da lectura do informe do Comité de expertos despréndese que se están a incumprir de xeito flagrante acordos nacionais como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou a Declaración de Unidade a Prol da Normalización” , impulsada pola Mesa e asinada por todos os partidos con representación parlamentar.

Para Maceira, “se tal como indicaron onte hai vontade da Xunta por atender as recomendacións do Consello de Europa, o goberno galego ten que eliminar as disposicións que limitan o uso do galego no ensino antes de comezar a elaborar o novo”, que considerou inevitábel despois da segunda reprimenda europea.

Xustiza

O informe do Comité de expertos chama a atención sobre os problemas para utilizar o galego nos procedementos xudiciais, motivado pola súa falta no programa informático fornecido pola Xunta e porque no acceso á carreira xudicial en Galiza non se contempla o coñecemento de galego.

Neste sentido tanto os expertos como o Consello de Ministros instan ao goberno español e á Xunta, dentro das súas competencias, a facer todas as modificación legais precisas para garantir o cumprimento da Carta.

Administración  e Servizos públicos

Na avaliación do nivel de cumprimento da Carta en relación á administración, o informe sinala a inexistencia de impresos e documentación en galego e que “en xeral os servizos públicos da administración española non garanten servizos en galego”, e piden explicacións ao Estado ao respecto.

Critican tamén á Xunta polos recortes que motivaron o peche de un terzo dos Servizos de Normalización Lingüística nos Concellos.

No ámbito municipal sinálase a privatización de servizos como outro problema para o galego ao non garantir a súa oferta na atención ao público.

  Medios de comunicación

En relación aos medios de comunicación os expertos animan ao goberno galego a impulsar canles de TV, radio, e xornal impreso integramente en galego.

A Mesa aproveitou para sumarse aos parabéns ás canles de TV, Radio e dixitais que utilizan o galego e que son mencionados polo Consello no seu informe.

Así mesmo solicitan información e animan a impulsar acordos que permiten o intercambio das transmisión de Radio e Televisión entre Galiza e Portugal

Vida económica e social

O retroceso na oferta de galego en documentación, atención e formularios de Abanca en relación aos pasos que xa estaban a dar as antigas caixas, é outro dos aspectos que preocupa ao Comité de expertos, que tamén alerta sobre problemas de pacientes no SERGAS para seren atendidos en galego, instando ás autoridades a asegurar a atención en galego.

O texto completo do informe pódese consultar aquí: https://wcd.coe.int/ViewDoc.jsp?Ref=CM%282015%29147&Language=lanEnglish&Ver=original&BackColorInternet=C3C3C3&BackColorIntranet=EDB021&BackColorLogged=F5D383

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra