O presidente da Mesa (Carlos Callón), o secretario xeral de Kontseilua (Paul Bilbao) e o director do CIEMEN (Ricard Vilaregut) presentarán un manifesto no Congreso dos Deputados e reuniranse cos grupos parlamentares
Tres entidades de referencia en defensa do galego, o catalán e o vasco decidiron unir as súas voces para reclamar “que se deteña a contrarreforma educativa” e a “obsesión doentía e preconstitucional” de José Ignacio Wert contra as diferentes linguas do Estado. Así, A Mesa, o CIEMEN e Kontseilua presentarán mañá ás 11 h na Sala Campoamor do Congreso dos Deputados un manifesto no cal propoñen unha “alianza de axentes sociais, sindicais e políticos para lle pórmos freo a esta situación”, unha “alianza entre as nosas comunidades lingüísticas minoradas para construírmos un dique de contención ante este tipo de ataques”.
Con posterioridade, ás 11.30 h, o presidente da Mesa, o director do CIEMEN e o secretario xeral de Kontseilua manterán un encontro con representantes de diferentes grupos parlamentares para lle exporen a súa visión da situación. Callón, Bilbao e Vilaregut reclamarán “políticas lingüísticas de equidade que pasan por avanzar na normalización do uso e o coñecemento das nosas linguas, para as facer presentes nas administracións, na escola, os medios de comunicación, etc., e para conseguirmos que sexan o idioma común e de cohesión social no seu correspondente territorio.”