A recentemente estreadas tendas on-line de Pull&Bear, Bershka, Stradivarius e Zara xa permiten facer todo tipo de compras ou consultar a moda de temporada na lingua propia de Galiza
A Mesa agarda que o grupo téxtil “siga dando pasos” para incorporar o galego na súa rede de tendas no país ou no atendemento oral ao público
Recentemente estreadas nunha nova versión, as tendas on-line de Bershka, Pull&Bear, Stradivarius e Zara introducen a lingua galega entre as opcións lingüísticas nas que se poden consultar os seus sitios web de compras a través de internet. Deste xeito, as galegas e os galegos podemos facer todo tipo de compras en liña ou consultar os catálogos de temporada na nosa lingua propia.
A Mesa valora como “moi positivo” o paso dado polo grupo téxtil galego e “anímao” a seguir dando pasos para a plena normalidade do galego na súa actividade comercial e na súa política de comunicación.
Entre outras medidas, a maior asociación cultural de Galiza sinala a introdución da opción de galego nas páxinas web en que esta aínda non existe –caso da páxina principal do grupo empresarial – ou o uso normal do galego nas diferentes campañas promocionais, na sinalización interior das tendas emprazadas en Galiza e na etiquetaxe dos produtos, así como a garantía de atención oral na nosa lingua na atención ao público.