A Mesa participa mañá en Hendaia nun debate sobre Os dereitos lingüísticos como base para unha nova Europa, dentro do contracumio G7EZ!

A Mesa pola Normalización Lingüística participa mañá nun debate sobre Os dereitos lingüísticos como base para unha nova Europa  que terá lugar dentro do contracumio G7EZ! de Hendaia. O G7EZ celebráse, entre o 21 e o 23, como resposta dos movementos sociais e das organizacións políticas e sindicais á xuntanza do G7 que se celebrará en Biarritz a próxima fin de semana. O debate a partir do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos terá ás 16h30, na sala cine Escuelas, e contará coa presenza de Haizpea Abrisketa, de Euskararen Gizarte Erakundeen Kontseilua, e mais coa intervención por videoconferencia de Marcos Maceira, presidente da Mesa, e de Micheli Leccia, de Parlemu Corsu.
Co obxectivo de explicar a importancia dos actores sociais na defensa dos dereitos lingüísticos, Marcos Maceira falará da Iniciativa Lexislativa Popular do ámbito socioeconómico e mais da Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023) que a entidade de defensa da lingua entregou aos máis de 3700 concelleiros e concelleiras que se incorporaron este ano aos 313 concellos do país, dous exemplos de concretización do Protocolo co que máis de 120 organización sociais de 30 comunidades lingüísticas europeas defenden que o respecto dos dereitos lingüísticos é a base para a construción dunha Europa democrática. Trátase dunha proposta política conxunta, para a recuperación das linguas minorizadas e para unha xestión axeitada e democrática das linguas en Europa.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra