A Mesa pola Normalización Lingüística ten como representante a súa vicepresidenta e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, na reunión da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) que ten lugar en Kolozsvár, Transilvania. ELEN é a organización europea de referencia na defensa das linguas minorizadas. Dentro da organización, a Mesa ten unha vicepresidencia que lle corresponde ao actual presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.
A reunión faise unha vez ao ano e nela concretaranse as acción a realizar no próximo ano nas diferentes organización internacionais como o son a Unión Europea ou a Organización das Nacións Unidas.
A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) ten como obxectivo a busca de beneficios, a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e para ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, rexional, nacional, europeo e internacional. Representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte, ademais, da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.