No marco da aposta polas políticas de promoción da lingua galega, o Concello de Bueu promove a próxima fin de semana as xornadas “Bueu e a fala: o galego 3.0”, que se organizan grazas ao apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, e que pretenden ofrecer unha reflexión arredor do emprego do galego nas redes sociais e nos novos medios.
Durante toda a fin de semana, o Centro Social do Mar acollerá eventos que poñerán a lingua galega en valor e reivindicarán a súa potencialidade para a creación de contidos diversos e variados. Así, o venres ás 17 horas, Marcos Maceira, falará do audiovisual galego e da campaña levada a cabo dende a Mesa pola Normalización Lingüística para acadar que a lingua galega estea presente nas plataformas de contidos audiovisuais online.
A xornada do sábado estará destinada ao mundo dos videoxogos, que está collendo certo pulo na Galiza. Ás 11 horas, as persoas que se acheguen poderán coñecer a experiencia do Museo do Videoxogo de Cangas, na que se falará do galego nesta industria cultural e dos seus máis de cen títulos na súa sede canguesa. En relación con el, ás 11.45 horas, abrirase na Sala Domínguez Búa unha exposición que se poderá ver todo o día e na que se abordará a historia do videoxogo na nosa lingua, coa presenza dos responsables do MUVI. A continuación, en torno ás 12.30 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre o galego no videoxogo, na que intervirán Luz Castro, de Videoxogo.gal, Carlos Pereiro, da revista Morcego, Carlos Vieito, da Mesa pola Normalización Lingüística, e Inés Mirás, de Grimorio of Games.