A Mesa pede a todos os partidos e candidaturas que inclúan a lingua galega nas súas propostas electorais para os concellos

A Mesa animou a activar o compromiso normalizador que Galiza precisa en todos os concellos

Con motivo do comezo da campaña electoral para as eleccións municipais do 24 de maio, A Mesa pola Normalización Lingüística reiterou hoxe a petición a todos os partidos e candidaturas que se presentan, dun compromiso explícito e claro coa lingua galega nos Concellos.

A proposta da Mesa inclúe que todos os cargos públicos, departamentos e organismos dependentes da administración municipal teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita; que a administración parta da oferta positiva do galego na atención oral e escrita á cidadanía, tanto presencial como telefónica ou telemática; que as empresas subcontratadas polo concello garantan o respecto á oficialidade do galego e aos dereitos lingüísticos das veciñas e veciños, ou  impulsar a creación dun Servizo de Normalización Lingüística naqueles concellos onde aínda non existir.

Neste sentido, desde A Mesa salientaron a necesidade  de que os alcaldábeis asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor do galego e dotar con recursos a planificación lingüística do concello, con actuacións transversais en todas as áreas municipais procurando o incremento do uso e prestixio da lingua propia de Galiza.

A entidade en defensa da lingua destacou  que o que se reclama non é máis que o cumprimento das leis ou de acordos parlamentarios como o PXNLG, e que porén están a ser vulnerados, sen que na práctica pasen de declaracións de intencións.

Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “estase a producir unha grave involución nas garantías de dereitos lingüísticos nos Concellos, nalgúns casos consecuencia da privatización de servizos a empresas que directamente desprezan o galego” e sinalou como exemplo o caso do servizo de recadación do Carballiño que lle negou a atención a un cidadán só por se expresar na súa lingua.

Maceira chamou tamén ao conxunto da sociedade, que, tal como indican todos os estudos si quere galego, a que se implique na demanda aos seus representantes, “exixindo un dereito básico, activándose a todos os niveis para conseguilo, e participando nos diferentes actos que a plataforma cidadá Queremos Galego, coordinada pola propia Mesa, convocou para o vindeiro 17 de maio”.

 

Ligazón á proposta da Mesa: https://www.amesa.gal/compromiso-de-aplicacion-plan-xeral-de-normalizacion-da-lingua-galega-nos-concellos-e-deputacions/

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra