A vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, participou hoxe no Parlamento Europeo nunha rolda de prensa na que a Rede Europea de Igualdade Lingüística (ELEN) pediu aos Estados membros da Unión Europea que voten a favor do recoñecemento pleno da oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro na Unión Europea.
Na véspera da votación sobre a modificación da Regulación 1/1958 para incluír o galego, o catalán e o euskera na lista das linguas da Unión Europea, representantes das principais organizacións de defensa destas linguas entre as que se atopa A Mesa, Euskalgintzaren Kontseilua, Plataforma per la Llengua, Òmnium Cultural, Obra Cultural Balear e Acció Cultural País Valencià trasladáronse ata Bruxelas para pedir, xunto con ELEN, que o voto sexa favorable ao recoñecemento da oficialidade destas linguas, “como sempre se ten feito con todas as linguas propostas, ata este momento”. A votación terá lugar mañá, martes 19 de setembro, na xuntanza de asuntos xerais do Consello, despois de que o Estado español propuxera finalmente a medida o pasado mes de xullo, despois de moitos anos de tardanza inxustificada.
ELEN é unha organización non gobernamental que traballa polo multilingüismo, defendendo os dereitos humanos das persoas falantes de linguas minorizadas a nivel local, rexional, estatal e internacional e leva anos solicitando a inclusión do galego, o catalán e o euskera como linguas oficiais da Unión Europea. Neste sentido, recorda que aos beneficios prácticos e ao prestixio que confire a oficialidade para estas linguas, a súa aprobación suporía tamén, para a UE “unha oportunidade de poñer en valor as súas políticas en favor da diversidade lingüística e do uso das linguas propias na relacións da cidadanía coas institucións europeas”.
A vicepresidenta da Mesa manifestou, na súa intervención, que “o impacto sería moi positivo e suporía un paso enorme cara ao recoñecemento e a normalización das linguas minorizadas, porque a oficialidade a nivel europeo é fundamental para protexer os dereitos lingüísticos das persoas falantes destas linguas”. “De feito”, abondou, “hai máis de 500 medidas legais de todo tipo que requiren a presenza e o uso das linguas oficiais da UE. Especialmente, no relativo ao consumo. E isto é moi importante, porque ten implicacións directas e indirectas na vida diaria das persoas”.
“O recoñecemento da oficialidade total das nosas linguas sería un fito tamén”, explicou Elsa Quintas, “porque recoñecería a natureza plurilingüe o Estado español e de Europa. Porén, cómpre recordar que isto non suporía automaticamente o fin da minorización. Queda aínda un longo camiño por percorrer. Neste sentido, reafirmamos o noso compromiso co traballo que vimos desenvolvendo en todas as frontes para acadar a oficialidade total e o recoñecemento que merecen as nosas linguas para garantir os dereitos lingüísticos da nosa cidadanía”.
Finalmente, Quintas lamentou que “polo momento, os galegofalantes non temos dereito á dobraxe, lexendaxe e audiodescricións que si dispón o español”. “Teremos que agardar para comprobar como vai traspoñer o estado español o contido da emenda impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística que sinala que os requisitos lingüísticos da directiva europea sobre o audiovisual refírense e inclúen as linguas dos territorios e así o deberían interpretar os Estados”, recordou. “Tal emenda foi defendida pola eurodeputada do BNG Ana Miranda e prosperou no Parlamento Europeo”, rematou, “polo que agora corresponde que o Consello da Unión Europea a asuma e que o estado español a incorpore á Lei do Audiovisual”.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.