A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, trasladoulle á conselleira do Mar, Marta Villaverde, as queixas recibidas pola Mesa pola Normalización Lingüística, a través da Liña do Galego e do propio Observatorio, respecto dun libro dirixido ao público infantil que semella estar en galego, mais os nomes dos peixes están todos en castelán e que foi recentemente enviado aos concellos para que sexa difundido nos colexios.
Quintas solicítalle a Villaverde “que tome as medidas necesarias para corrixir esta situación e evitar que se repita no futuro” e advírtelle que “promover o desuso dos nomes galegos dos peixes só pode levar á súa extinción”. Neste sentido, a vicepresidenta da Mesa recorda que, “perante a dúbida, existen recursos para consultar ao respecto e, especialmente, no caso da infancia, A Mesa pola Normalización Lingüística editou no 2016 o libro Os peixes e outra fauna mariña“.
O presidenta da Mesa, Marcos Maceira, recorda que esta semana o secretario xeral de política lingüística, Valentín García, anunciou medidas como “aproveitar os servizos de bibliotecas para distribuír material lúdico que beneficie a lingua”. “Esta publicación”, lamenta Maceira, “demostra o desleixo e nulo interese da Xunta en reverter a emerxencia lingüística”. “Anuncian unhas medidas e despois, na práctica, fan o contrario”, sentencia.
A Mesa pola Normalización Lingüística ten entre as súas liñas de traballo asesorar, informar e tramitar parabéns ou queixas sobre os dereitos da comunidade lingüística galega. A entidade recorda que o Estatuto de Autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego” e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.
Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.
Ademais o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (de aquí en diante PXNLG) establece no seu obxectivo 2.1.25. “Fomentar a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, na perspectiva de que este se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar” e no 2.1.33. “Promover plans de lectura mediante técnicas de animación nas bibliotecas do centro e das aulas, aproveitando o protagonismo social que acadou nas últimas décadas a literatura infantil e xuvenil en lingua galega.” Tamén incluía este Plan nos seus obxectivos específicos (medida 4.1b) a necesidade de “Incrementar os recursos lingüísticos e ofrecer as ferramentas tecnolóxicas que permitan que a empresa desenvolva a súa actividade en galego” e (medida 5.1.9) “potenciar a presenza do galego nas publicacións científicas e de divulgación editadas en Galiza).
Cómpre lembrar tamén as Recomendacións de obrigado cumprimento do Consello de Europa que engadían no seu Informe de avaliación a medio termo do 5º ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas que “o ensino debe ter o galego como lingua de instrución” e, no 6º informe instaba o goberno a “desenvolver materiais educativos en lingua galega, para a educación técnica e vocacional”. Achegamos unha das imaxes do libro denunciado a través da Liña do Galego e do Observatorio de dereitos lingüísticos. Tedes tamén dispoñíbel para descarga un vídeo con declaracións do presidente da Mesa. Agradecemos a difusión e quedamos á vosa disposición para calquera aclaración.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

