Elsa Quintas pediulle ao director xeral de xustiza, Juan José Martín Álvarez, que a aplicación Minerva que se emprega na oficina xudicial teña os modelos dos documentos en galego, que manteña actualizados os textos lexislativos en galego e que se garanta a capacitación lingüística a todas as operadoras xurídicas para que calquera cidadán que o solicite poida ser atendido na nosa lingua
“A pesar da normativa que ampara o uso do galego, a Administración de Xustiza é impermeábel á nosa lingua, presente en menos do 5% da documentación xerada pola xustiza no noso país, sen que a Xunta poña interese en solucionalo”, lamenta a vicepresidenta da entidade de defensa da lingua, Elsa Quintas, que esta mañá mantivo esta mañá unha xuntanza virtual co director xeral, no que lle recordou a Juan José Martín Álvarez que este dereito que asiste ás partes non é só teórico e que a Xunta pode e debe materializalo con algunhas medidas urxentes que xa foron recollidas en boa medida no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento o 21 de setembro de 2004.
Entre as medidas que lle propón A Mesa á Xunta que a aplicación MINERVA dispoña en galego de todos os documentos, que se empregan a diario nunha oficina xudicial e en todas as ordes xurisdicionais (civil, penal, social, contencioso-administrativo e mercantil), como actas, dilixencias de ordenación, providencias ou autos. A Mesa recordou que, para incentivar o galego na Administración de Xustiza, os textos lexislativos en galego deben manterse actualizados, na mesma medida en que o están en castellano, e tamén estaren accesíbeis para todos os operadores xurídicos: membros da xudicatura, fiscais, letrados da administración de xustiza (antigos secretarios xudiciais) e todo o funcionariado, pero tamén avogadas, procuradoras, así como do persoal e facultativas do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galiza).
Finalmente, Quintas salientou que é imprescindíbel garantir a atención oral e escrita en galego a calquera cidadán que de forma tácita e/ou expresa o solicite, para o que é urxente asegurar a real capacitación lingüística a todas as operadoras xurídicas que traballan na Administración de Xustiza.
Ante a aseveración por parte do organismo competente de que se está a traballar na aplicación informática Minerva Web sen concreción dunha data da súa implantación nos xulgados, Quintas lamenta que continúe sen ser materia prioritaria a equiparación do galego en igualdade de condicións ao castellano no ámbito da xustiza.