Despois da xuntanza mantida esta mañá na Consellería co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e mais co secretario xeral da Lingua, Valentín García, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, celebrou ante os medios que a mobilización social a favor do galego comece a ser atendida. “A situación é de emerxencia lingüística extrema”, recordou, “mais tamén é reversíbel co compromiso da sociedade e dos poderes públicos a favor do idioma”.
Ademais de Maceira, asistiron á xuntanza cos responsábeis políticos a vicepresidenta, Elsa Quintas, e a secretaria xeral da entidade de defensa da lingua, Celia Armas. Todos os tres reiteráronlle ao conselleiro a vontade da Mesa pola Normalización Lingüística por “contribuír en todo canto for preciso para reactivar os acordos e facer efectivos os obxectivos e medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega”. “Farémolo con toda disposición e seriedade”, asegurou Maceira, e reclamamos a mesma actitude por parte da Xunta”. “Non imos lexitimar ningún proceso que non teña como obxectivo reverter a emerxencia lingüística”, recalcou.
Neste sentido, os representantes da Mesa recordaron que a entidade leva 15 anos reclamando por todas vías a aplicación e reactivación do PXNLG, “engadindo ademais propostas consensuadas con axentes sociais”. “Temos toda a disposición a continuar facendo achegas e propostas”, afirmou o seu presidente, “mais sempre co obxectivo de avanzar na normalización da lingua galega. O galego debe estar en todo para poder usarse para todo”. Neste sentido, Maceira anima o conselleiro e o PP a “seren valentes e perderen o medo ao idioma de Galiza” e ínstaos a traballar para “asegurar a súa disposición en todos os ámbitos e para todos os usos, con todos os mecanismos dos que dispón a Xunta de Galiza” e para “garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións”. “O primeiro obxectivo do Plan xeral de normalización da lingua que cómpre reactivar”, apunta.
A Mesa pídelle á Xunta iniciar a reactivación e avaliación do PXNLG, cun proceso:
- Amplo, plural e participado: con representación de colectivos representativos do conxunto da sociedade galega e dos seus intereses en cada un dos ámbitos do PXNLG.
- Transparente: o procedemento debe ser transparente para favorecer un clima de confianza entre os diferentes axentes.
- Con vontade e compromiso de aplicación: débense dar pasos visíbeis que mostren a vontade para chegar á aplicación e asunción de todos os compromisos do PXNLG. Isto implica: renuncia á agresividade pública contra a lingua galega e contra as propostas que procuran a reversión da tendencia negativa na que está.
Un primeiro paso, en liña coas resolucións do Comité de Ministros do Consello de Europa é eliminar as restricións ao ensino en galego, retomar os proxectos de innovación educativa de ensino en galego e garantir os materiais didácticos, nomeadamente os fornecidos pola Xunta, en todas as etapas do ensino. Débese impulsar a oferta positiva en todos os servizos públicos de xestión directa ou privatizada e estabelecer o uso do galego no exercicio das súas funcións por parte dos representantes da Xunta en todos os niveis.
“As única liñas vermellas que deben desaparecer”, apunta Maceira, “son as que impiden desenvolverse na lingua propia de Galiza, excluíndoo no ensino (7% EI nas cidades), na administración, na xustiza (1%), nos xoguetes (0,6%), nos servizos de saúde, no audiovisual (0,9%), etc”. Neste sentido, A Mesa presentou na Consellería os puntos mínimos e medidas urxentes que a plataforma Queremos Galego e 200 entidades máis expuxeron na Praza da Quintana o pasado 17 de novembro.
“Consideramos que é posíbel abrir un tempo novo para a lingua”, remata Maceira, “mais que para que se dean todas as circunstancias segue a ser necesaria a mobilización da sociedade galega”. O responsábel da Mesa recordou que o 10 de xaneiro comezarán os plenarios abertos da Plataforma Queremos Galego nas principais vilas e cidade de Galiza, para preparar a grande manifestación que o 23 de febreiro, Día de Rosalía, encherá a praza do Obradoiro. “A sociedade galega está viva a favor da recuperación e normalización da súa lingua e témolo que demostrar”, apuntou.