LIÑA DO GALEGO / A Mesa pídelle ao novo ministro de Sanidade que arquive a sanción a un cidadán que reclamou ser atendido en galego

A Mesa pola Normalización pídelle ao novo ministro de Sanidade do goberno Español, José Manuel Miñones, que antes de deixar o cargo de delegado do goberno en Galiza arquive e deixe sen efecto a sanción imposta a un cidadán que reclamou ser atendido en galego e non só recibiu unha negativa rotunda a ser atendido na nosa lingua, senón que mesmo se lle chegou a negar a realización unha proba diagnóstica da Covid19, por este motivo. Perante a súa indignación, interveu a Policía Local que, lonxe de recoñer o lexítimo dereito deste cidadán a ser atendido en galego, recolleu no informe policial que “o persoal sanitario non tiña a obrigación de falarlle galego”.

O ataque aos dereitos democráticos que se produciu o mes de abril de 2021 en Rianxo continuou un ano despois, cunha resolución sancionadora por parte da delegación do goberno, que só recoñeceu como válida a declaración policial e descartou a validez das testemuñas presentes, por manteren unha “relación de veciñanza” coa vítima da vulneración dos dereitos lingüísticos.

A entidade de defensa dos dereitos lingüísticos recorreu esta sentenza, salientando como “especialmente grave” que o Goberno español dera “absoluta validez a un expediente policial onde se afirma sen rubor que o dereito á atención en galego non existe e que se dea por válida unha actuación baseada na negación dese dereito que resulta na sanción á vítima da actuación policial”.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que “en calquera sociedade democrática, os corpos policiais están sometidos ao cumprimento da lei e á garantía dos dereitos cidadáns”. “Porén”, explica, “neste caso, a delegación do goberno pasa por alto os mesmos feitos que considera probados e que confirman que con este cidadán se incumpriron os artigos 74.s) da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza; o art. 51 que define os requisitos lingüísticos do funcionariado, que debe coñecer a lingua; o artigo 54.11 do Real Decreto Lexislativo 5/2015 de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público. Na realidade que non quere ver o goberno español estamos perante un caso moi grave de discriminación por motivo de lingua en virtude do art. 185.1.b) da mesma Lei 2/2015, o que é unha falta moi grave e pode levar consigo a inhabilitación para a función pública”.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra