No escrito que a CIG-Ensino e a Mesa rexistraron este venres denuncian a persecución que está a sufrir unha traballadora deste centro por empregar a lingua galega
O presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao presentaron este venres 16 de outubro, no Rexistro Xeral da Xunta, un escrito dirixido ao conselleiro de Política Social no que lle solicitan que actúe de inmediato e paralice a persecución que está a sufrir unha traballadora do centro Jungle World por empregar o noso idioma nas aulas que imparte.
A Mesa e a CIG-Ensino e A Mesa esíxenlle ao conselleiro de Política Social que adopte as medidas pertinentes para garantir os dereitos lingüísticos de todo o persoal que traballa no centro, pero tamén unha oferta positiva do galego, tal e como establece a Lei de Servizos Sociais.
Ademais A Mesa e a CIG-Ensino reclaman a apertura dun expediente sancionador á empresa que mesmo remitiu unha circular interna prohibindo calquera comunicación en galego e advertindo que o incumprimento desta orde será considerada “falta grave”.
“A Xunta de Galiza non pode mirar para outro lado. É tamén responsable do acontecido pola política lingüística e o discurso que está levando a cabo e que alimenta actuacións como esta”, subliñou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, reclamou da Xunta que actúe de maneira inmediata. “Estamos a falar da prohibición de utilización dunha lingua oficial en Galiza. Detrás desta prohibición –dixo- o que hai é un odio á lingua galega que non se pode consentir e menos nun centro educativo”.
Marcos Maceira referiuse á valentía desta traballadora que fixo posíbel que este caso saia á luz pública e lembrou tamén que son moitas as queixas e denuncias pola persecución ao galego que, ao longo do ano, chegan á Mesa pola Normalización Lingüística.
Aquí podedes ler o escrito que presentamos.