O SERGAS e a empresa americana Medtronic atacan o dereito á lingua e á saúde
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2018-. A Mesa denuncia a exclusión do galego na atención telefónica de Medtronic, empresa de tecnoloxía sanitaria con sede nos Estados Unidos, que só proporciona atención teléfonica en inglés aos pacientes do sergas que precisen poñerse en contacto por mor dalgunha dúbida con algún dos seus produtos, proporcionados polo SERGAS aos doentes e entre os que se atopan algúns tan necesarios para a vida como bombas de insulina.
Só a través da busca en internet a empresa Medtronic ofrece un outro número, non indicado polo SERGAS, onde se dá información só en castelán ou inglés, sen opción de galego e sempre desde fóra de Galiza ou mesmo do Estado español.
A Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia ten actualmente en vigor con esta empresa cinco convenios en vigor e catro acordos específicos cos que testan os produtos e métodos nos complexos hospitalarios públicos da Coruña, Santiago, Lugo e Vigo.
Segundo sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “este é un exemplo máis de servizo público externalizado que é utilizado pola propria Xunta para negar a posibilidade de utilización do galego”.
Para Maceira, “a Xunta debería ser a primeira en cumprir coa obriga de exixirlle ás concesionarias que empresten os seus servizos nas mesmas condicións que de ser público. A privatización non pode ser escusa para a vulneración de dereitos lingüísticos e menos en casos coma este que van aparellados co dereito á saúde”.
A Mesa denuncia que este é un novo caso de incumprimento da lexislación vixente, como é a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística na que se claramente se vulnera o artigo 2 no que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma. Do mesmo xeito incumpre os preceptos dispostos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no que se recollen medidas a desenvolver para normalizar o idioma no ámbito da administración sanitaria.
Semella que á Xunta se lle esquece que o Estatuto de autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.
A Mesa lembra que no informe da Liña do galego de 2017 o 20% das queixas que teñen relación coa vulneración dos dereitos lingüísticos por parte das entidades e administracións públicas son ao Sergas.