A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística pede a retirada dun anuncio co lema “El único pueblo de Galicia donde solo se habla inglés”

Marcos Maceira: “que pode ter positivo que en Galiza exista un lugar onde non se fale a lingua galega?”

“O aprendizado de linguas, mesmo a través da imersión lingüística, ten que partir da valoración da propia, non da súa exclusión e eliminación”

 

Santiago de Compostela 12/06/2014. A Mesa pola Normalización Lingüística pedíu hoxe a retirada dun anuncio da empresa Viajes El Corte Inglés, aparecido recentemente na imprensa galega, onde se utiliza como reclamo para un campamento de verán de aprendizado de inglés, unha vila galega na que aparentemente “solo se habla inglés”. Un anuncio que paradoxicamente está en español, e onde tal e como é habitual nesa cadea, o galego está desaparecido.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, preguntouse “que pode ver de positivo a empresa madrileña que en Galiza exista un lugar onde non se fale a lingua galega”, e definiu como “un auténtico desprezo ao conxunto da cidadanía galega, pretender utilizar como reclamo a suposta desaparación do galego dunha parte do seu territorio.” Lembrou tamén que a día de hoxe o galego segue a ser, ademais da única lingua propia de Galiza, lingua oficial, caso no que non está o inglés.

Desde a entidade en defensa da lingua galega, sinalan que “aprender linguas sempre é positivo para achegármonos a outras culturas e a outros pobos, non, como pretende El Corte Inglés, para rematar coa diversidade lingüística no mundo e, concretamente en Galiza, eliminar a nosa lingua do seu territorio, utilizando o inglés como coartada”. Indicou ademais que “o aprendizado de linguas, mesmo a través de métodos altamente eficaces como a imersión lingüística, ten que partir da valoración da propia, non da súa exclusión e eliminación” e que “non se poden consentir mostras tan claras de supremacismo lingüístico como o que reflicte o anuncio”, polo que instou a Viajes El Corte Inglés a retiralo e substituílo por outro máis acorde coa realidade e respectuoso con Galiza e o seu idioma.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra