CONSELLO DE EUROPA / A Mesa presenta a proposta de bases para a normalización no ensino no Consello de Europa

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, mantivo unha reunión de traballo en Estrasburgo con Joerg Horn e Maxime Huot, do Secretariado do Consello de Europa para a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas. Neste encontro, analizaron os reiterados incumprimentos da Xunta respecto ás recomendacións do Comité de Ministros do Consello, nomeadamente no que se refere a “levantar as restricións ao ensino en galego en Galiza” do Decreto de plurilingüísmo.

Maceira presentou a Proposta de bases para a normalización no ensino elaborada conxuntamente coas ANPAS Galegas, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, CIG-Ensino, CSIF, Nova Escola Galega e STEG, a principais entidades sindicais, de nais e pais e de renovación pedagóxica. E denunciou as reiteradas negativas da Consellaría de Educación da Xunta de Galiza a recibir a proposta e mesmo a súa oposición a que sexa explicada na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego, malia ser a única que cumpre cos criterios do Consello de Europa para o ensino en galego.

No encontro acordaron manter e mellorar a fluidez nas comunicacións e información entre A Mesa e o Consello de Europa.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra