Marcos Maceira e Kiko da Silva presentaron os detalles da revista que sairá en xullo e que xa está recibindo moitas subscricións
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2018
Marcos Maceira presidente da Mesa e o debuxante Kiko da Silva presentaron en Santiago de Compostela o lanzamento dun novo produto cultural en lingua galega que edita a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e estará dirixida por Kiko da Silva. O produto será unha revista de banda deseñada (BD) chamada A viñeta de Schrödinger.
A Mesa leva tempo preocupada pola ausencia do galego en diversos ámbitos como o audiovisual, o empresarial ou o editorial e ante un goberno irresponsábel que non atende as cuestión que teñen haber coa lingua propia de Galiza, a Mesa decidiu promover o nacemento dunha publicación nova en galego dirixido á mocidade.
Para Marcos Maceira a mocidade viuse afectada no pasado coa desaparición de publicacións e experiencias anteriores no mundo da banda deseñada. “Grazas ás achegas que fan as socias e socios a Mesa pode involucrarse nun proxecto moi necesario que ofrecerá un produto de boa calidade á poboación galega, nomeadamente a máis moza e dando traballo a creadores e creadoras galegas” apuntou.
Pola súa banda, Kiko da Silva explicou que malia o grande calidade e prestixio que ten no estranxeiro, a banda deseñada galega, está totalmente esquecida polo goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza. Neste sentido agradeceu a decisión da Mesa por apostar por un produto de banda deseñada que permitirá reunir nunha publicación a creadores e creadoras galegas e tamén internacionais.
A viñeta de Schrödinger demostrará que se pode facer produtos de calidade en galego para todos os públicos independentemente da lingua que empreguen. O director da nova revista comentou que mostra diso son as subscricións que xa están chegando desde fóra do país.
Kiko da Silva anunciou que son 16 os colaboradores e colaboradoras que farán posíbel sacar unha tiraxe inicial de 1.500 exemplares con 32 páxinas a toda cor, mais que poderían ser até 100 colaboradores e colaboradoras, mostra do talento existente no país e fieis á tradición que se remonta a Castelao, Xaquín Marín ou Miguelanxo Prado que comezaron facendo BD na Galiza.
As autoras e autores serán: Miguelanxo Prado, Fran Bueno Capeáns, Fernando Iglesias, Miguel Robledo, Fernando Llor, Miriam Iglesias ou escritores como Antonio M. Fraga, Miguel Rojo Pablo Prado, Aldara e Joan Casarramona, Zaida Novoa, Afonso Barreiro, Miguel Porto, Víctor Rivas e Kiko da Silva. Tamén haberá entrevistas internacionais que darán comezo coa neiorquina Sarah Andersen.
Por que ese nome? Porque na cultura galega a morte está moi presente coa santa compaña, Santo Andrés de Teixido ou mesmo coa lingua galega que moita xente pensa que está morta pero outra moita xente pensa que está viva dándose unha dualidade de estar morta e viva á vez, como o gato de Schrödinger.
As persoas que desexen subscribirse poden facelo desde xa na páxina web www.aviñetadeschrödinger.gal/ ou www.amesa.gal.